A AXEGA activa o ARIEM 112 para atallar un incendio nunha planta para o tratamento de lixo no Porriño

Por o 12/09/2018 | Sección: Galicia,O Porriño,Sucesos
A AXEGA activa o ARIEM 112 para atallar un incendio nunha planta para o tratamento de lixo no Porriño
Compartir en:

A Axencia Galega de Emerxencias, a través do 112 Galicia, activou na últimas horas de onte o protocolo para a colaboración transfronteiriza en materia de emerxencias, ARIEM 112, co fin de atallar un incendio declarado nunha nave para o tratamento do lixo no Porriño.

Por fortuna, ninguén resultou afectado, aínda que os danos materiais son cuantiosos debido a que boa parte da nave resultou calcinada, así como algún material almacenado nos arredores.

Para facer fronte ao lume, desde a AXEGA activouse o ARIEM, o que permitiu a pronta mobilización dos servizos de extinción do Baixo Miño, Salnés, Morrazo, Vigo e Valença do Miño, así como aos membros do GES de A Guarda, Ponteareas e os equipos locais de emerxencias de Mos e Porriño. Do mesmo xeito, participou o Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias que achegou unha cisterna con 32.000 litros de auga e un equipo de iluminación co que facilitar as tareas de extinción durante a noite.

Pouco despois da unha da madrugada, os equipos de intervención lograron estabilizar o lume ata a súa extinción arredor das tres da madrugada. A partir de aí e de forma paulatina, foron retirándose os medios de extinción, agás os Bombeiros do Baixo Miño, que permaneceron como retén xunto co Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA.

Compre sinalar que o operativo activouse logo de recibir o 112 Galicia a chamada de alerta dun veciño cando faltaban escasos minutos para as dez da noite de onte.

Comentar noticia

Your email address will not be published.