A Axencia de coñecemento en saúde presenta o Plan de formación 2019 dirixido aos profesionais da Sanidade Pública que incrementa un 40% o número de horas lectivas ofertadas

Ten previstas máis de 600 actividades formativas
Por o 28/01/2019 | Sección: Sanidad
A Axencia de coñecemento en saúde presenta o Plan de formación 2019 dirixido aos profesionais da Sanidade Pública que incrementa un 40% o número de horas lectivas ofertadas

O Plan de Formación da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) dirixido aos profesionais que traballan na sanidade pública galega, incrementa un 40% o número de horas lectivas ofertadas con respecto ao ano anterior, e ten previstas máis de 600 actividades formativas nas modalidades presencial, mixta, teleformación e autoformación.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu o acto de presentación do Plan, así como das novas e recentes incorporacións tecnóloxicas e os traballos de desenvolvemento da futura plataforma de xestión do coñecemento, deste organismo adscrito ao Sergas. No acto estivo acompañado pola xerente de ACIS, Beatríz Allegue Requeijo.

Como novidade neste ano, nace o Plan de autoformación que permitirá satisfacer a elevada demanda existente canto á formación, permitindo que os profesionais poidan acceder aos contidos formativos as 24 horas do día e os 365 días do ano.

Entre os temas que aborda este plan está a formación en “Prevención e loita contra a violencia de xénero” e a “Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres”. Asemade, cómpre destacar o Programa de adestramento e capacitación sanitaria dirixido a aumentar a seguridade do paciente por medio da preparación de equipos baseada na simulación, no lugar de traballo e durante a súa xornada laboral.

Actualmente, xa está formado o 30% do persoal sanitario dos centros de saúde, e o obxectivo é chegar ao 70% ao longo deste ano e ao 100% no primeiro semestre do vindeiro. Este programa amplía no 2019 a súa oferta para chegar tamén ao persoal sanitario dos Puntos de Atención Continuada.

Así mesmo, retómase a actividade formativa da Escola de Simulación Médica Avanzada, que permite recrear escenarios que imitan contextos reais de actuación da forma máis fiel posible para facilitar a aprendizaxe, a práctica e a asimilación de habilidades e coñecementos no coidado da saúde.

Dentro do Plan de Formación 2019 inclúense 11 actividades formativas a realizar na aula de simulación da propia ACIS e, ao longo do ano, este programa estenderase ás aulas de simulación do resto da Comunidade Autónoma para dispor dun Plan Integral de Simulación.

Melloras tecnolóxicas. SHARE

ACIS vén de incorporar novidades tecnolóxicas que suporán unha mellora na xestión e nos servizos ofrecidos aos usuarios. Neste senso destaca a implantación na súa Web dun buscador de cursos máis atractivo e funcional, cun novo sistema de solicitude de matriculación máis sinxelo e adaptado aos novos formatos (móbil ou tablets). Así mesmo, a partir deste ano, os usuarios terán á súa disposición os certificados de superación dos cursos de maneira telemática. Certificados asinados dixitalmente para que cada usuario poda gardalo ou imprimilo directamente en cada un dos idiomas oficiais.

A Consellería de Sanidade, o Sergas e ACIS están a poñer en marcha un Sistema Circular de Potenciación do Coñecemento e do Talento do Sistema Público de Saúde de Galicia, capaz de transformar o coñecemento tácito actual nun coñecemento explícito e accesible, facilitando a xestión dos fluxos de coñecemento experto entre profesionais, e entre estes e os pacientes. Nace así, SHARE. Plataforma tecnolóxica para a xestión do coñecemento no ámbito sanitario. Adquirida a través dos novos procedementos de Compra Pública Innovadora constituirá o núcleo de produción, xestión e canalización do coñecemento cara a todos os actores participantes nos procesos da organización.

Á finalización dos traballos de desenvolvemento deste proxecto previsto para finais deste ano 2019, ACIS disporá dunha solución de software innovadora que permitirá aos seus profesionais e aos seus pacientes, vantaxes competitivas que contribuirán a posicionalos na vangarda da xestión do coñecemento nas organizacións sanitarias.

Comentar noticia

Your email address will not be published.