A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue chama aos cidadáns a superar as 105.998 doazóns acadadas no pasado ano 2018

ADOS lembra que a taxa de doazón, que supera en tres puntos a media nacional, situouse no pasado exercicio en 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano
Por o 30/04/2019 | Sección: Salud,Sanidad
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue chama aos cidadáns a superar as 105.998 doazóns acadadas no pasado ano 2018

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) chama aos galegos e galegas a superar as 105.998 doazóns de sangue acadadas ao longo do pasado ano 2018 e que supuxeron que a nosa Comunidade Autónoma se situase nun índice de 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Cómpre lembrar que o pasado ano, Galicia superou en tres puntos a media nacional e situouse como a cuarta comunidade autónoma en doazón de sangue.

ADOS quere revitalizar o seu permanente chamamento á participación dos cidadáns para acadar, novamente, o índice mínimo que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS): 40 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.

 

PROVINCIA
DOAZÓNS 2018
TAXA DE DOAZÓN 2018
A Coruña
49.224
44/1.000
Lugo
7.616
23/1.000
Ourense
9.643
31/1.000
Pontevedra
39.515
42/1.000
TOTAL
105.998
39/1.000

Espallamento e envellecemento poboacional

ADOS lembra que Galicia é unha das comunidades autónomas con maior dificultade para acadar un bo número de doazóns de sangue debido a factores sociodemográficos como o espallamento poboacional así como o seu envellecemento, circunstancia que dificultan, enormemente, o desenvolvemento de campañas de captación de novos doadores e doadoras de sangue.

Desde a dirección da Axencia, apelase á probada solidariedade da cidadanía galega para superar estes obstáculos e incentivar a súa participación nas campañas de doazón de sangue, un xesto vital para que miles de doentes poidan recibir a transfusión dos compoñentes sanguíneos que se obteñen da doazón.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue está a incrementar as facilidades para posibilitar a doazón coa posta en funcionamento, o pasado decembro, de dúas novas unidades móbiles, así como co achegamento dos locais de doazón de sangue aos principais hospitais de referencia das sete grandes cidades galegas. Neste sentido, lembrar que os locais de A Coruña, Pontevedra e Santiago foron modificados recentemente para unha mellor atención aos cidadáns.

Participación por concellos

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue salienta que, un ano máis, o concello de maior participación de Galicia foi o de Padrón que mantén un índice de 105 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.

Na provincia de Lugo, Meira foi o concello de maior taxa de doazón cun índice de 44/1.000; na provincia de Ourense, Pobra de Trives obtivo unha taxa de 66/1.000 e na provincia de Pontevedra, o concello de maior participación foi A Guarda con 73/1.000.

Así mesmo, resultan especialmente salientables as 44.970 doazón rexistradas nas sete grandes cidades polo que o 42% das doazóns recollidas en Galicia foron realizadas polo 37% da poboación total.

Programa de melloras

Co obxectivo de mellorar os datos de doazón de sangue en Galicia, a ADOS está a desenvolver este ano un plan de actuación e mellora continua, dentro do que cabe salientar a recente renovación da máxima certificación de calidade ISO 9001:2015, así como a acreditación correspondente ao Comité de Acreditación en Transfusión (CAT).

Así mesmo, ao logo do presente ano, levarase a cabo unha ampla enquisa aos doadores e doadoras co obxectivo de mellorar os distintos aspectos que abranguen á doazón de sangue e fomentar a participación da cidadanía.

Ademais, durante o ano 2019 continuarase co programa de melloras infraestruturais iniciado hai tres anos coa posta en funcionamento da Axencia. Para o presente exercicio, contémplanse melloras substanciais como a próxima reforma do local de doazón de Ourense e a adquisición dunha nova unidade móbil que vén a completar a renovación da parque de vehículos de ADOS.

Estudantes universitarios

Un dos capítulos nos que ADOS está a desenvolver unha forte actividade, é a campaña de sensibilización en centros docentes universitarios dos sete campus galegos. No transcurso da primeira fase da campaña de doazón nas universidades galegas levada a cabo no presente curso académico, xa se obtivo un incremento do 2,6% nas participación dos membros da comunidade universitaria.

Non podemos esquecer, neste punto, o desenvolvemento de iniciativas como o Reto 5000, impulsada dentro da Rede Española de Universidades Saudables, ou a iniciativa de Aprendizaxe e Servizo en colaboración coas facultades de Ciencias da Educación e Enfermaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ademais, esta iniciativa xa é o segundo proxecto de aprendizaxe e servizo (APS) no que toma parte ADOS, despois da iniciativa pioneira desenvolvida no curso 2017-2018, coa Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.

ADOS manifesta o recoñecemento a todas as persoas, institucións e asociacións que colaboran nas campañas informativas a prol da doazón de sangue, especialmente ás Irmandades de Doadores de Sangue e, especialmente, a todas as persoas que doaron sangue o pasado ano 2018. Non obstante, lembrar que en Galicia doan sangue 4 de cada 100 cidadáns polo que a axencia continuará a desenvolver programas destinados a fomentar a participación dos galegos e galegas, e especialmente da poboación máis nova.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.