A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística reunirá en xuño a expertos nacionais e internacionais para debater sobre os retos futuros do sector

Xa está aberto o prazo para poder inscribirse e participar no V Congreso da APLU, que este ano se celebrará en Santiago entre o 10 e o 12 de xuño
Por o 20/04/2019 | Sección: Galicia
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística reunirá en xuño a expertos nacionais e internacionais para debater sobre os retos futuros do sector
Compartir en:

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) celebrará o seu quinto congreso anual sobre disciplina urbanística os próximos 10, 11 e 12 de xuño en Santiago de Compostela. O prazo para poder inscribirse no evento xa está aberto e todos os interesados en participar poderán formalizar a súa matrícula ata o vindeiro 3 de xuño a través da páxina web da APLU, onde xa está dispoñible tamén o programa cos relatores, mesas e talleres previstos.

Baixo o lema Estado do urbanismo e retos para o futuro, entre as principais novidades do congreso deste ano cómpre subliñar a participación de relatores internacionais recoñecidos nos seus respectivos campos de actuación, un factor que contribuirá a incrementar o atractivo dun evento que en tan só catro edicións xa se ten consolidado como todo un referente entre os profesionais do urbanismo a nivel nacional.

O obxectivo final deste simposio é propiciar o intercambio e divulgación de ideas, coñecementos e experiencias que axuden a contribuír a avanzar no camiño cara a un verdadeiro desenvolvemento urbanístico sostible. Con este fin e en liña coa temática elixida este ano, o congreso reunirá a un nutrido e prestixioso grupo de especialistas dos distintos ámbitos que interveñen no desenvolvemento urbanístico para analizar o presente e o futuro dos novos modelos urbanos, a súa relación coas políticas públicas e a intervención das administracións públicas en materia de disciplina urbanística.

Durante os tres días que durará o congreso da APLU, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, expertos de toda España e doutros países dos eidos xudicial, académico e administrativo terán ocasión de compartir cos asistentes as súas experiencias e coñecementos co fin de propoñer posibles melloras que se poidan adoptar en actuacións urbanísticas a futuro. Deste xeito, entre os relatores atópanse os catedráticos de Dereito Administrativo que máis profundizaron no estudo da materia urbanística no noso país e tamén en Francia, maxistrados do Supremo, representantes do Ministerio de Fomento e de Administracións locais, así como o presidente do Consello Consultivo de Galicia.

Novidades do programa

A quinta edición do congreso da APLU contará con distintas mesas de traballo e análise ademais de incluír a celebración de seis talleres nos que se abordarán cuestións de interese específico (planeamento urbanístico, aspectos rexistrais do urbanismo, control xudicial dos actos administrativos, despoboamento rural…) e se fomentará o debate e a participación a través de grupos reducidos.

Neste caso a participación estará limitada a un número pequeno de prazas, polo que as persoas interesadas en participar nalgún destes talleres deberán solicitalo no momento en que formalicen a súa matrícula, achegando á vez unha breve referencia curricular.

Outra das novidades no programa deste ano será a creación no marco do congreso dun grupo de traballo de disciplina comparada, coordinado pola dirección da Axencia galega e que contará coa participación de persoal pertencente a outras administracións do Estado coa finalidade de compartir experiencias e xerar sinerxías de disciplina urbanística.

No caso de participar nalgún dos talleres previstos ou de presentar algunha comunicación no marco do congreso, o prazo de matrícula rematará o 20 de maio ás 15,00 horas para facilitar a organización do evento e poder pechar o programa, aínda que as persoas interesadas en participar só como asistentes terán ata o 3 de xuño para poder inscribirse.

Redes sociais

A preparación do quinto congreso anual da APLU coincide coa recente apertura das contas oficiais da APLU en Facebook e Twitter, unha decisión coa que o organismo autonómico aspira a favorecer as canles de comunicación co conxunto da cidadanía e dar a coñecer o labor que desenvolve. Deste xeito, o obxectivo é que esta presenza en redes sociais contribúa tamén á concienciación social en favor dun desenvolvemento urbanístico sostible e en aras da protección do patrimonio natural e paisaxístico.

Comentar noticia

Your email address will not be published.