A Axencia Tributaria de Galicia tramitou máis de 800 citas na primeira semana de funcionamento do servizo de cita previa

Os prazos dos principais impostos continúan suspendidos, pero de modo voluntario os cidadáns poden presentar as autoliquidacións
Publicado por o día 24/05/2020 na sección de Economía

A Axencia Tributaria de Galicia tramitou máis de 800 citas na primeira semana de funcionamento do servizo de cita previa

A Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) tramitou 819 citas na primeira semana de funcionamento do servizo de cita previa para realizar trámites de xeito presencial. Aqueles cidadáns que así o precisen poden presentar autoliquidacións dos impostos que xestiona a Administración autonómica.

A día de hoxe, os prazos de presentación dos principais impostos xestionados pola ATRIGA (Transmisións Patrimoniais, Actos Xurídicos Documentados e Sucesións e Doazóns) permanecen suspendidos ata o 30 de xuño, tal como establece a Orde da Consellería de Facenda publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 27 de marzo.

Sen embargo, desde este luns 18, aqueles cidadáns que o precisen poden presentar de xeito voluntario as autoliquidacións destes impostos a través do servizo de cita previa activado pola ATRIGA. Para solicitar a cita previa, hai que acceder á web da ATRIGA, onde se lle outorgará unha data e unha hora na que será atendida.

Medidas de seguridade para a atención presencial

O día da cita, a persoa non debe presentarse na oficina de atención ao público con máis de 5 minutos de antelación á hora da cita e deberá levar o xustificante da mesma para que o persoal de control de accesos lle permita o acceso ao edificio.

O acceso farase de xeito individual, deberase manterse unha distancia mínima de seguridade de 2 metros cos demais usuarios e co persoal de atención ao público, e o tempo de permanencia dos usuarios no interior da oficina non pode superar os 15 minutos. Ademais, ao entrar no edificio deberase realizar unha adecuada hixiene das mans, empregando auga e xabón ou unha solución hidroalcohólica.

Comentar noticia

Your email address will not be published.