A banda da Loba ensina ‘a bailar as rúas’ á comunidade universitaria

A programación cultural do 2018 pecharase o día 15 co Concerto de Nadal
Publicado por o día 13/12/2018 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

A banda da Loba ensina ‘a bailar as rúas’ á comunidade universitaria

A banda da Loba, grupo musical composto por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este proxecto, subiu nas últimas horas ao escenario do teatro Vidal Bolaño para presentarlle á comunidade universitaria o seu primeiro traballo discográfico, Bailando as rúas.

A penúltima proposta da programación cultural para o primeiro cuadrimestre deste curso académico da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria encheu o teatro cun abano de posibilidades musicais baseado, tanto en letras de autoría propia do grupo, como en musicalizacións de poetas célebres, ou outros textos tomados dos poemarios de escritoras contemporáneas como Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra.

No concerto, ademais, a banda deixou claro o carácter reivindicativo e comprometido das súas composicións coa nosa lingua, a nosa cultura e o contexto galego e, por outra banda, a perfecta mestura da música coa poesía dun xeito diferente ao coñecido achegando ao público textos complexos envoltos en melodías pegadizas.

Dende valse e muiñeira ata contradanza baixo un estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk, a banda fixo do seu repertorio un caleidoscopio musical. As cinco integrantes, que avogan pola necesidade de referentes femininos, sobre todo instrumentistas no panorama musical galego, acabaron por contaxiar ao público a ilusión que senten por facer o que lles gusta, é dicir, crear as cancións que lles apetecen e non sentirse encaixadas en ningún molde. Todo o anterior xunto coa súa sonoridade artellan un universo musical que onte, mércores, atraeu a decenas de persoas ata o Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria.

Broche de ouro á programación cultural

Tras esta actividade cultural, a Orquestra Vigo 430 será a encargada de poñer o broche final ás diferentes actividades culturais do primeiro cuadrimestre da Universidade de Vigo. Symphonic Aysedeniz: a rock journey for piano and orchestra é o título do Concerto de Nadal, que se celebrará este sábado 15 de decembro no Auditorio Mar de Vigo. A partir das 20.30 horas os máis de 50 integrantes da Orquestra Vigo 430, baixo a dirección de Carlos Rodríguez, acompañarán á pianista turca AyseDeniz Gökçin nunha actuación que xirará arredor de pezas froito do arranxo para orquestra de temas de grupos da escena do pop-rock como Coldplay, Muse, Queen ou Pink Floyd.

As entradas poderánse retirar a través da páxina CulturXest ata completar o aforo do auditorio e cun máximo de dúas por persoa.