A biblioteca de Ribadumia súmase ás melloras na Rede Galega de Bibliotecas

Publicado por o día 06/02/2020 na sección de Galicia,Ribadumia

A biblioteca de Ribadumia súmase ás melloras na Rede Galega de Bibliotecas

O Concello de Ribadumia informa que a Biblioteca Francisco de Asís Fraga Castro “Cuco”, adherida á Rede de Bibliotecas de Galicia vén tamén de actualizarse co novo programa de xestión o que permitirá a optimización do servizo e ampliar a oferta bibliotecaria para os máis de 600 usuarios da mesma, posto que se mellora o funcionamento da rede.

A Rede de Bibliotecas de Galicia, dependente da Consellería de Cultura, vén de actualizar a xestión bibliotecaria co cambio de programa (do Meiga ao Koha).

Este cambio trae consigo, entre outros:

  • O uso dun só carné para todas as bibliotecas públicas que forman parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
  • Baixar libros gratuitamente da plataforma GaliciaLe
  • Poder buscar libros en toda a rede e ver en que bibliotecas está a disposición ou no seu caso en que condicións (prestable, só consulta, non prestable, etc.)
  • Ver todas as características dos libros, dende a data da edición, colaboradores, reimpresións, número de páxinas, ISBN, ubicación dentro da biblioteca, etc.
  • Poder reservar libros dende a propia plataforma, se estes se atopan prestados.
  • Renovar dende o móbil os libros sempre que non estean reservados

Para poder desfrutar destes novos servizos os usuarios deben achegarse ata a súa biblioteca habitual ou ata calquera outra da rede e así obter o novo carné, co cal se lle darán uns novos contrasinais para acceder ás Plataformas Koha (préstamo e consulta de libros) e GaliciaLe (descarga de libros).