A Biblioteca Pública Municipal da Guarda oferta novas actividades no mes de outubro

Publicado por o día 02/10/2018 na sección de A Guarda,Galicia

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda oferta novas actividades no mes de outubro

A Biblioteca Pública Municipal da Guarda oferta neste mes de outubro dúas novas actividades que terán lugar o venres 5 coa «Bebeteca: día das Mascotas» e o sábado 27 cunha nova sesión de «Contos Contados».

Este venres día 5 de outubro ás 18:00h a Biblioteca Pública Municipal da Guarda elixirá o nome da mascota da bebeteca nunha actividade denominada «Bebeteca: día das Mascotas», onde os nenos e nenas poderán ir acompañados da súa mascota favorita e terán sesións de contos, moita diversión e agasallos para os asistentes. A Bebeteca é un espazo con libriños especialmente pensados para iniciar na lectura aos bebés. Libros con imaxes, texturas, formas, sons e títeres de dedo. A Bebeteca ten un can como mascota e nesta ocasión os bebés e familias acompañantes poderán descubrir o novo aspecto da sección Bebeteca, compartir un ratiño de lecer cos libros, ler un conto, elixir un nome para o can que garda os libros. Esta actividade está recomendada para idades de 0 a 3 anos e de 3 a 6.

O sábado 27 de outubro realizarase unha nova sesión de «Contos Contados» a partires das 11:30h a cargo de Nelson Quinteiro co seu espectáculo «Pequeno Cabaret Infantil», unha actividade programada para celebrar o Día das Bibliotecas que ten lugar cada 24 de outubro.

“Pedrito Mendrugo” e a súa pulga “Jacinta Florette” farán as delicias dos máis pequenos e tamén dos máis crecidiños transformando algúns contos populares desde un punto de vista moito máis cómico e actual.
Un espectáculo que saca o máximo partido ao cabaret e aproveita o colorido do xénero, o seu ritmo e carácter desenfadado, a súa alegre música para falar dos contos de toda a vida.
Un espectáculo con un ritmo frenético, moita interacción co público, sorpresas, cancións, coreografías e un carácter moi tenro e entrañable.

Esta actividade está enmarcada no programa «Ler conta moito», para a  dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, en colaboración coas entidades locais.