A botiquiña de primeiros auxilios

Por o 03/07/2018 | Sección: Opinión,Opinión por Rogelio Santos
A botiquiña de primeiros auxilios

Os mariñeiros…

temos que saber curar unha ferida lonxe no mar, reaccionar e responder a unha emerxencia e a un naufraxio, a unha colisión, reparar unha avaría no motor, saber como actuar ante un temporal ou vento forte que se levante, saber onde están as pedras, coñece-las correntes, te-la documentación en regra, coñece-las normativas, saber onde pescar… pero a administración e os políticos consideran que non sabemos nin somos competentes para revisar unha botiquiña, mirar unha data de caducidade coma quen mira a dos iogures, substituír unha caixa de aspirinas caducada por unha nova, ou introducir ou sacar medicamentos sen prescrición médica e material novo conforme a un listado que nos proporciona o Instituto Social da Mariña. Se as revisións das balsas ou dos extintores e bengalas as fai a empresa onde as compramos… por que non se pode revisa-la botiquiña obrigatoria para pequenas embarcacións na propia farmacia, sen necesidade de máis trámites?
Pois non, temos que desprazarnos, e perder un día laborable, ata o Instituto Social da Mariña máis próximo, no meu caso a 20 min. en coche, para pedir cita por escrito a través dun formulario e volver outro día para que nos revisen a botiquiña e nos dean o visto bo. Unha vez ao ano. En horario de mañá. En horario laboral.
Hai 5 ou 6 anos que compramos a botiquiña obrigatoria para a nosa embarcación e nunca utilizamos nada do que contén e pola contra vímonos na obriga de ir gastando entre 30 e 50 euros cada ano en repoñe-los medicamentos que van caducando.

O absurdo radica en que nós, pola nosa propia iniciativa e necesidade, levamos unha botiquiña máis pequena que contén o que nós consideramos que un mariñeiro precisa e usa de verdade, como por exemplo unha agulla para extraer unha espiña de ourizo. Que tampouco me fai falta: se estou apurado e ande o vento e balance na lancha acabo antes cortando unha espiña do lombo dunha unha maragota ou un sargo que me serve ben para saca-la espiña do ourizo.

O sol e o vento, os balances constantes na lancha durante horas e horas ó largo de anos, os sobreesforzos inesperados que nos vemos na obriga de realizar cando o aparello prende no fondo ou temos un cruce de outro aparello por riba do noso son problemas que poñen en perigo a nosa seguridade e van minando a nosa saúde ó longo dos anos. Sobre como atallar eses problemas de seguridade laboral ninguén nos asesora, nos axuda ni nos impón gastos. Temos que ocuparnos nós de nós sen ninguén que nos supervise. Nós temos que poñe-los cartos para pagar faixas, gorras, crema solar (un dos principais riscos para a xente do mar é o sol, son moitas horas de exposición) calzado cómodo e de calidade, roupa de augas apropiada, guantes.

Para alimentar este país. O noso traballo.  

A botiquiña obrigatoria non se corresponde coas necesidades reais dos mariñeiros e é unha carga adicional de tantas, unha imposición absurda de tantas. A conselleira Quintana falou en moitas ocasións de subvencións… Subvencións que supoñen perder horas, días laborais e renunciar a ingresos?

Durante un ano tivemos que levar diazepam inxectable. Unha benzodiazepina? Inxeccións intramusculares? Si, teño o curso sanitario especifico inicial feito, e meu irmán, que traballa comigo no barco, tamén. Pero para poñer ese tipo de inxeccións se esixen neste país nestes tempos estudos universitarios de enfermería, como mínimo.

Van alá dous anos dende que a Conselleira dixo que ía tratar de soluciona-lo problema da  botiquiña obrigatoria, para que se nos permitise levar unha máis axustada á nosa realidade, unha pequena tipo neceser, que nos supoña un menor gasto, pero estamos en xuño de 2018 e aínda nada. Se lle fan falta dous anos para soluciona-lo problema da botiquiña, non me estraña que sexa incapaz de solucionar inxustizas ou a ausencia de lóxica e pragmatismo na asignación das cotas ou de promover melloras no saneamento das rías. Que fai esa muller que a teña tan ocupada? Non perder un capítulo de Fatmagul? As mariscadoras dan para todo. Para traballar, para ver Fatmagul e para coidar das súas familias.

A contaminación é o verdadeiro problema que teñen as nosas rías, as augas residuais, ENCEs, minas de cobre, ríos de cinsa (incendios forestais), cambio climático (cambios de temperatura nas augas): aumenta o risco de epidemias, toxinas, mata o alimento dos peixes.

Os que fan certas normas debían ir tan sequera un aniño ó mar como temos que ir nós cada día para verse no noso lugar. Aínda que xa sabemos que eles non entenden a vida neses termos, non entenden iso de non poñe-los demais en situacións, ou crearlles dificultades, que non queren para si mesmos. Come-lo peixe do bo ben que lles gusta, que eles non comen o de gaiola nin o de piscifactoría.

Pasa o mesmo co tema da seguridade: fannos ir cargados con mil trebellos que levamos por pura obriga, cando os trebellos que de verdade nos protexen comprámolos e levámolos por propia vontade, como un bo GPS ou outros aparatos electrónicos, móbiles e demais, partes meteorolóxicos precisos que dan empresas privadas nas súas versións gratuítas. Moitos mariñeiros compramos e usamos, por iniciativa propia, por seguridade, pagándoos do noso peto, chalecos salvavidas de neopreno cómodos para traballar.

E xa nos gustaría que nos deixasen levar motores seguros.

As normativas limitan a potencia e instalación de motores cos que nos sentiríamos seguros e que nos permitirían aforrar tempo da xornada laboral (o cansazo é perigoso). Subi-la potencia supón un gasto dificilmente asumible para moitos. Da especulación coa potencia, que se pode comprar e revender, non entrarei en moito detalle. A potencia é un ente etéreo co que se especula. Cómprase e véndese a autorización para subila. Moitas embarcacións declaran unha potencia inferior á que levan porque subi-la potencia implica un aumento no pago de taxas (de acorde coa potencia) mailo gasto inicial de comprala metaforicamente; mailo gasto inicial de subila de facto (comprar un motor novo…).

Difícil ou imposible de asumir para unha embarcación como a miña.

Por que se permiten esas trapalladas? Refírome á especulación. Aí non intervén a Xunta que tan intervencionistas son. Pero repito a xente do mar quere eleva-las potencias principalmente por unha cuestión de seguridade. Que te cachen coa potencia instalada distinta á declarada pode supor que che requisen o motor ou a embarcación. Ningunha broma.

Quintana nun acto de desprezo e maternalismo seu habitual ós mariñeiros galegos afirmou no parlamento galego que os mariñeiros querían andar en Porsches pola ría banalizando a importancia da potencia en cuestións de seguridade laboral marítima.   

Un dos trebellos inútiles que, por exemplo, nos obrigan a levar nas nosas embarcacións en aras da nosa seguridade, e que supón un grande estorbo e un grande inconveniente, é unha balsa salvavidas cando en realidade é moi difícil que se forme unha vía de auga nas lanchas de poliéster; a xente lévaa non porque pense que a necesita, ou porque crea que cargar con unha pode salvárlle-la vida, senón para evitar que lle metan unha multa. Pesa uns 70 kilos. As bengalas, non se usan. Hoxe en día todos temos móbiles e estamos localizados as 24 horas! Apenas nos arredamos da costa e á parte levamos aparatos de radio obrigatorios para chamadas de emerxencia.

Os aros salvavidas, pois si, iso si, vémo-los útiles: se cae un home ó mar, botámoslle un e subímo-lo de novo ó barco. Xa o dixen, non somos parvos nin temerarios.

De verdade témoslle que explicar á conselleira que aumenta-la potencia dos motores non significa aumenta-la capacidade extractiva…?

Hoxe en día todo está taxado: o número de aparellos ou nasas que podes levar, dimensións deses aparellos e artes de pesca, horarios de traballo, topes de capturas, vedas en período de cría, prohibición de pescar PEZqueñines, que tantas veces quedan enganchados e morren nas redes e nin para o gato llos podemos levar. Témolos que devolver mortos á auga. Prohibicións creadas ó abeiro dunha mentalidade maternalista, que presupón que os mariñeiros son seres estúpidos incapaces de exerce-lo seu oficio e tomar decisións que non os leven a acabar eles mesmos coa vida que lles dá o sustento.

A minería contaminante non mata peixes nin destrúe ecosistemas, Conselleira?   

Se a conselleira ten medo de que, permitindo que usemos motores máis potentes, nos dediquemos ó narcotráfico pois debería ler Fariña—si, o libro, ese libro—para entender que tipo de embarcacións están introducindo nestes momentos toneladas de cocaína a través das nosas costas e descubriría que estamos moi lonxe de acercarnos á capacidade de transporte de toneladas, velocidade, potencia, de tales embarcacións. Entendo que pode ser quizais esa a idea que sutilmente se lle está trasladando enganosamente á opinión pública… a xente que non se dedica ó mar pode mal interpretar esa negativa rotunda e inexplicable de permitir subi-las potencias. Uns humildes mariñeiros nunhas humildes embarcacións non teñen a capacidade dos grandes narcotransportistas que traballan nas costas galegas. Pregúntelle a Nacho Carretero.       

En fin. A loita continua. A nosa loita é unha loita polo noso medio de vida pero tamén é unha loita polo medio ambiente, polo ben común, unha cuestión de saúde pública. De felicidade pública.

De Queiruga, Porto do Son, A Coruña. Patrón de pesca e mariñeiro de Baixura. Membro do Consello galego de Podemos. Secretaría do Mar de Podemos Galicia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.