A campaña de Ideas que Suman chega a Ourense con reunións cos diferentes colectivos universitarios

Acompañado polos membros do seu equipo Roberto Bustillo e Javier Rodríguez Rajo
Publicado por o día 07/04/2018 na sección de Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

A campaña de Ideas que Suman chega a Ourense con reunións cos diferentes colectivos universitarios

A campaña electoral para as eleccións do 23 de abril continúa e este xoves o campus de Ourense acolleu varios actos da candidatura Ideas que Suman, liderada por Emilio Fernández. Acompañado polos membros do seu equipo que proceden do campus de Ourense, o candidato a reitor reuniuse con persoal de administración e servizos, persoal docente e investigador e alumnado de diferentes centros para presentarlles liñas fundamentais do seu programa e establecer un diálogo cos diferentes colectivos.

Concretamente, a axenda de Emilio Fernández incluíu reunións co PAS, PDI e alumnado da Facultade de Ciencias e da Escola Superior de Enxeñaría Informática e co alumnado de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo. O primeiro colectivo que escoitou as propostas do candidato a reitor foi o PAS, ao que o líder de Ideas que Suman quixo transmitir “a ilusión que temos por asumir a xestión desta Universidade”. Fernández presentou a este persoal catro eixes de actuación que inclúe a súa candidatura, como son a redución da burocratización, o axuste da relación de postos de traballo, a potenciación da formación e a descentralización.

Burocratización, RPT, formación e descentralización

Sobre a burocratización, Emilio Fernández advertiu como na actualidade a Universidade está “ao borde dunha situación de colapso” “con miles de persoas traballando para facer papeis sen parar”. Recoñecendo como non hai “milagres” que solucionen este problema de modo inmediato, o candidato comprometeuse a levar ao Consello de Goberno nos seus primeiros cen días de mandato un Plan de Racionalización Administrativa elaborado despois de falar con todas as persoas que traballan na institución académica. Sobre a relación de postos de traballo, Fernández, recoñecendo como a súa aplicación en Ourense foi “especialmente turbulenta”, comprometeuse a analizala en detalle e ver como está evolucionando a súa aplicación. “Non pensedes en cambios drásticos na RPT pero si en modificar todo o que non está funcionando”, afirmou.

Outro dos aspectos tratados con persoal de administración e servizos foi o da descentralización da xestión, lembrando o candidato como no seu programa electoral se inclúe progresar na desconcentración do gasto nos campus de Ourense e Pontevedra mediante a dotación dun orzamento axeitado a estas vicerreitorías e convertendo aos Consellos de Campus en órganos de debate e aprobación dos correspondentes plans de acción que executarán os devanditos orzamentos. Esta delegación de competencias, apuntou tanto Emilio Fernández como Roberto Bustillo, candidato a secretario xeral, faise por considerar que é un modelo que permite “ser máis eficientes” e “mellorar o día a día das persoas”. Por último, destacouse a importancia da formación do PAS tendo en conta aspectos como a implantación da administración 4.0.

Polo que respecta ao campus de Ourense os representantes de Ideas que Suman tamén lembraron como un dos obxectivos contemplados no programa é a aposta polo Campus da Auga. Neste senso, Javier Rodríguez Rajo, candidato a vicerreitor do campus de Ourense, subliñou como tendo en conta o reto de “potenciar as titulacións” que se marca esta candidatura, este proxecto de especialización “o que nos vai permitir é a internacionalización primeiro do noso campus e logo das nosas titulacións”.