A campaña de sensibilización do plan Composta volve activarse a partires do luns

O programa conta xa con 687 usuarios adheridos, cos cales 206 son produtores singulares e 481 son domicilios particulares
Publicado por o día 15/08/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

A campaña de sensibilización do plan Composta volve activarse a partires do luns

O vindeiro luns volven retomarse as visitas nas vivendas particulares da ruta establecida para o plan Composta, tras a pausa das dúas primeiras semanas de agosto por mor das festas. Trátase da campaña de sensibilización e información sobre este novo programa, que comezou a funcionar a principios de xullo, e que neste momento conta xa con 687 usuarios adheridos, dos cales 206 son produtores singulares (restaurantes, supermercados, froiteirías…) e 481 son domicilios particulares.

A campaña de visitas nas vivendas inclúe a entrega dun folleto informativo que explica en que consiste este novo sistema de recollida de biorresiduos, onde hai que anotarse e que tipo de residuos se poden compostar e cales non. Unha información que tamén se recolle na páxina web compostaxe.pontevedra.gal, que o Concello vén de habilitar co obxectivo de facilitar o acceso a toda a información necesaria sobre o plan ‘Composta no colector’ e tamén sobre os demais programas de compostaxe que están activos: a compostaxe comunitaria e a compostaxe individual. A páxina tamén contén formularios de solicitude de inscrición específicos para cada un dos tres programas. No caso do plan Composta no colector, inclúe a relación de rúas nas que opera este programa, así como información práctica sobre como funciona e os elementos que se lle entregan de balde aos usuarios (bolsas biodegradables, un cubo de 7 litros e a chave electrónica para abrir o colector).
Desde a Concellaría de Xestión de Residuos, que xestiona Raimundo González, a valoración sobre o funcionamento é altamente positiva, sobretodo atendendo á nula existencia de incidencias e á boa calidade dos biorresiduos, posto que non se están a rexistrar impropios. Tamén se salienta o esforzo da veciñanza por implicarse e colaborar con este programa, tanto por parte de vivendas particulares como negocios considerados produtores singulares, o que se está a traducir nun alto número de usuarios adheridos nos primeiros meses, así como na cantidade de biorresiduos que se está a recoller. Neste sentido hai que lembrar que, dos 400 quilos de biorresiduos por día recollidos nos primeiros días, pasouse en moi pouco tempo aos 1.500 quilos diarios actuais.

O plan Composta no colector é un sistema experimental de recollida de residuos orgánicos en vivendas e produtores singulares da cidade, que deben adherirse previamente para dispoñer da chave electrónica que lles permite facer uso do colector. É a terceira vía do programa de compostaxe voluntario e de bale, que recolle biorresiduos por unha parte da cidade na que non existe opción de tratamento individual nin compostaxe colectiva, seguindo a ruta de recollida establecida e na que se colocaron un total de 65 colectores marróns.

Comentar noticia

Your email address will not be published.