A campaña de sorteo de tarxetas regalo organizada polo Concello de Marín deixa un impacto de 82.000 euros no comercio e a hostalaría locais

Publicado por o día 20/01/2021 na sección de Galicia,Marín

Apoiar o noso. Ese foi o lema co que se lanzou a campaña de dinamización directa do consumo a través da cal se sortearon 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros entre a veciñanza que realizou compras superiores a 30 euros nos establecementos comerciais e de hostalaría da vila.

O luns celebrouse o sorteo das tarxetas e a comprobación de todos os tíckets presentados e, despois de realizar os cálculos e comprobar o cumprimento das bases por parte dos participantes, o Concello informa de que o impacto na economía local da campaña foi de 82.000 euros.

“Estamos moi satisfeitos cos resultados desta campaña, que é a primeira que se fai destas características e na que a veciñanza volcouse para apoiar o noso. Dicíamos na presentación da campaña que Marín precísanos a todos máis ca nunca e a nosa sociedade demostrou que está presente e que pon o seu grao de area para saír desta situación tan complexa”, afirmou a concelleira de Festas, Marián Sanmartín.

A edil estivo acompañada pola concelleira de Comercio, Cristina Acuña, na súa visita á Oficina da Praza de España na que os gañadores poderán recoller as tarxetas regalo hoxe e mañá en horario de 11.30 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 horas, presentando o seu DNI.

En total, foron 1.800 os participantes que botaron conxuntos de tíckets superiores a 30 euros (nalgúns casos con compras moi superiores a ese importe) durante o tempo que durou a campaña.

Agora, tal e como explica a concelleira, “os gañadores terán ata o sábado 27 de febreiro para facer uso das súas tarxetas, que só serán válidas nos establecementos comerciais e hostaleiros de Marín”.

Novas campañas e compromiso de formación

Ante a boa acollida que tivo esta campaña, o Goberno local anuncia que se realizarán máis iniciativas de incentivación do consumo similares a esta, para seguir axudando á economía local.

Estas campañas terán sempre como fío condutor a Marín en Rede, a plataforma de visibilidade e dixitalización da economía local, na que se poden consultar todos os establecementos da vila a tan só un click.

Por outra banda, o Concello segue a traballar no Plan Reactiva Marín, un proxecto no que se investirán máis de 80.000 euros e a través do cal máis de 30 negocios da vila que teñan interese en participar do proxecto e que cumpran os requisitos poderán gozar de bonos de 45 horas de formación en distintas disciplinas.