A campaña de verán deste ano consolidou Galicia coma un destino preferente para a mocidade

O programa favoreceu o ocio xuvenil, a conciliación das familias e dinamizou o emprego no ámbito dos educadores no tempo libre
Publicado por o día 03/10/2019 na sección de Eventos

A campaña de verán deste ano consolidou Galicia coma un destino preferente para a mocidade

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, cualificou hoxe de “moi satisfactorio” o resultado da Campaña de Verán 2019 da Administración autonómica, en resposta a unha pregunta na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia. Cristina Pichel sinalou que con esta edición que vén de rematar a comunidade consolidouse coma un destino preferente para as mozas e mozos galegos, doutras comunidades e mesmo do estranxeiro, con máis de 9800 prazas á disposición destes.

A directora xeral de Xuventude explicou que a Campaña de Verán foi máis que unha alternativa de lecer, tamén foi un recurso de conciliación, unha ferramenta para xerar e dinamizar o emprego no ámbito dos educadores no tempo libre, así como unha garantía de inclusión e igualdade de oportunidades ao reservar prazas para persoas con discapacidade. Ademais, fixo fincapé na ampla oferta de campamentos: deportes náuticos, culturais, de astronomía, de achegamento á natureza ou tecnolóxicos, entre outras temáticas.

Cristina Pichel informou sobre o reforzo do programa de actividades, co desenvolvemento de 30 campos de voluntariado, cinco deles novos que tiveron como escenario O Grove, o complexo de dunas de Corrubedo, Manzaneda, Riós e o primeiro campo de voluntariado intermunicipal, que se realizou entre os municipios de Vedra e de Boqueixón. Así mesmo, incorporáronse tres novos campamentos: un de astronomía no albergue de San Xoán de Río, outro na Granxa Zoo de Grixalba e, por último, un campamento tecnolóxico en colaboración coa Amtega nas instalacións xuvenís de Gandarío.

A directora xeral marcou o obxectivo de que a Campaña de Verán de 2020 conte con máis prazas e actividades, que reforce a atención aos colectivos con máis dificultades e que dispoña de instalacións melloradas. Trátase de asentar a Galicia como a comunidade cunha das mellores ofertas en campamentos e campos de voluntariado de toda España.