A campaña ‘Vai de Peixe’ anima aos ‘millennials’ galegos a escribir relatos curtos sobre os produtos do mar mediante o concurso ‘Vai de Letras’

Esta iniciativa, que coincide no seu lanzamento coa semana de celebración do Día das Letras Galegas, pretende incentivar a creatividade da xente nova e ampliar o seu coñecemento sobre os recursos mariños de Galicia

A campaña Vai de Peixe, de promoción do consumo de produtos do mar entre os millennials galegos, vén de lanzar unha nova acción participativa coa convocatoria dun concurso que anima á xente nova a escribir relatos curtos relacionados cos produtos do mar. A iniciativa, denominada Vai de Letras, está dirixida ás mozas e mozos de entre 18 e 35 anos residentes en Galicia e para participar nela deberán completar este texto de inicio -“Queremos a vida como queremos o peixe, sen espiñas, pero…”- cunha proposta de non máis de 150 palabras, sen contar ese texto de arranque, a través da páxina web https://pr.easypromosapp.com/p/892513.

Este concurso, que coincide no seu lanzamento coa semana de celebración do Día das Letras Galegas, pretende incentivar a creatividade dos millennials galegos e contribuír mediante a difusión destes relatos curtos a ampliar o coñecemento da xente nova sobre as características dos numerosos produtos do mar que son extraídos e consumidos en toda Galicia. Os interesados en participar nesta acción poden presentar os seus textos desde as 13.00 horas de hoxe ata as 11.59 horas do próximo 28 de maio.

Cada participante poderá presentar un único relato, que deberá estar escrito en lingua galega e xirar arredor da temática da campaña Vai de Peixe. O gañador será elixido por un xurado composto por tres persoas e na selección da mellor peza narrativa valoraranse tanto a orixinalidade como a calidade lingüística e de redacción así como a aproximación á temática proposta nas bases do concurso.

O gañador recibirá como premio un lote de libros e un teléfono móbil intelixente. Todos os detalles do concurso poden consultarse nas bases legais de Vai de Letras, que están dispoñibles na web https://vaidepeixe.xunta.gal.

Campaña ‘Vai de Peixe’

A campaña impulsada pola Consellería do Mar Vai de Peixe pretende animar con este tipo de iniciativas ás mozas e mozos de Galicia a coñecer máis a fondo os produtos do mar e as súas características ao tempo que busca incentivar que inclúan os peixes e os mariscos na súa dieta. De feito, Vai de peixe é unha acción destinada a impulsar o consumo dos produtos do mar e da acuicultura de Galicia na franxa de idade que vai dos 18 e os 35 anos, a coñecida como xeración millennial.

Mediante unha estratexia baseada na promoción dixital a través da web https://vaidepeixe.xunta.gal/ e redes sociais (Instagram, canle de Youtube e Facebook), Vai de peixe busca fomentar hábitos de alimentación saudable e promover un consumo frecuente de peixe e marisco nesta franxa de idade, para concienciar da importancia dunha dieta equilibrada. A campaña tamén realiza accións destinadas á difusión de información dos produtos pesqueiros así como de receitas sinxelas e adaptadas ao estilo de vida millennial.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario