A Casa Azul acolle esta fin de semana a primeira Global Game Jam de Galiza

Espérase a participación de 30 persoas entre afeccionados e profesionais de disciplinas como ilustración, modelación 3D, deseño visual, animación 3D, composición, deseño de xogos e programación
Publicado por o día 28/01/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

A Casa Azul acolle esta fin de semana a primeira Global Game Jam de Galiza

Entre este venres, 31 de xaneiro, e o domingo 2 de febreiro, a Casa Azul acollerá a primeira Global Game Jam que se celebra en Galiza, un evento que leva 10 anos celebrándose en distintos puntos do mundo. Trátase dun evento no que poden participar tanto persoas afeccionadas como profesionais de disciplinas relacionadas coa creación de videoxogos, como ilustración, modelación 3D, deseño visual, animación 3D, composición, deseño de xogos e programación. Todas as persoas participantes deberán conformar equipos para, a partires dun tema que se revelará o venres ás 17h, crear unha demo ou un prototipo de videogoxo para amosalo publicamente antes das 19h do domingo.

“Esta é a primeira vez que organizamos este evento en Pontevedra pero esperamos que non sexa a última” asegurou o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña. Unha afirmación na que tamén coincidiu Evelio Sánchez, un dos organizadores do evento. Evelio Sánchez explicou que durante a fin de semana serán 50.000 as persoas que estarán creando videoxogos de xeito non competitivo a través da cita Gobal Game Jam en distintos puntos do planeta. No caso de Pontevedra, a participación máxima estímase en 30 persoas, atendendo ao espazo dispoñible na Casa Azul, estando xa inscritas neste momento 26, polo que Sánchez se amosou confiado en que se cubran a totalidade das prazas. A inscrición é gratuíta e pode realizarse a través do sitio web
ggj.hobbypont.com

Alberto Oubiña asegurou que “esta fin de semana queremos poñer os piares” para continuar celebrando este evento en Pontevedra porque “cremos que no ámbito do videoxogo hai moito futuro, tanto como nicho de ocio como en posibles alternativas laborais”. Neste sentido, Evelio Sánchez indicou que o sitio web do proxecto a nivel mundial recolle unha ampla listaxe de casos de éxito sobre videoxogos que foron creados en eventos Global Game Jam e que tiveron acollida no mercado comercial.

Comentar noticia

Your email address will not be published.