A Cátedra de Feminismos 4.0 convida a hackear o patriarcado

Con relatorios de mulleres referentes das STEAM, un wikimaratón e un obradoiro sobre os machitroles

Ás tradicionais desigualdades de xénero que as sociedades arrastran dende hai milenios, estanse a sumar novos comportamentos sexistas e distriminatorios relacionados coas novas tecnoloxías, a economía dixital ou as redes sociais. Así, ademais da fenda de xénero nas profesións STEAM (Science, Technology, Engineering, Arts and Maths) e dos nesgos sexistas e racistas dos algoritmos tamén se incrementa a violencia dixital contras as mulleres feministas. Estes serán algúns dos contidos que se analizarán a vindeira semana na segunda edición do workshop Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado, que se organiza no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo.

O obxectivo desta xornada que terá lugar o vindeiro día 3 de decembro en modalidade virtual é manter activo un espazo de reflexión colectiva ao redor do denominado “patriarcado dixital”. As sesión serán abertas ao público a través de UVigoTv.

Charlas e mesas redondas pola mañá

A xornada contará coas achegas de mulleres expertas e referentes nos eidos laborais relacionados coa economía dixital. Trátase de analizar a fenda de xénero que existe nestas profesións e a escasa presenza feminina nas carreiras técnicas e científicas, unha situación que coloca ás mulleres nun escenario moi precario de cara a un futuro no que a tecnoloxía terá cada vez maior peso sociopolítico e económico na sociedade. De non corrixir esta tendencia, explican dende a organización do workshop, “as mulleres corremos o risco de ser excluídas dos espazos onde se van tomar as decisións máis importantes para o planeta nos próximos anos”.

Para abordar esta temática, a xornada contará con achegas da xornalista Montserrat Boix, que falará sobre sexismo e desinformación nos novos escenarios dixitais; da catedrática da UVigo Coral del Río, que analizará os roles de xénero no mercado laboral e da enxeñeira Ana Freire, que abordará os estereotipos de xénero vencellados aos estudos científico-tecnolóxicos. A sesión da mañá pecharase cunha mesa redonda na que participarán Silvia Rueda, directora da Cátedra de Fenda dixital de Xénero creada entre a Universitat de València e a Generalitat Valenciana; Luz Castro, informática, docente, creadora de videoxogos e divulgadora e representantes do Colectivo Proyecto Una, que se centra en desenmascarar as novas formas de fascismo.

Wikimaratón feminista e obradoiro sobre machitroles, pola tarde

Outros dos focos deste maratón está nos nesgos sexistas e racistas dos algoritmos, “que xeran máis discriminación e reforzan desigualdades desde posicións aparentemente neutrais e que é necesario desenmascarar”. Neste sentido, remarcan dende a organización que a violencia dixital contra as mulleres feministas é unha práctica cada vez máis estendida e posiblemente organizada nas redes sociais. Apuntan tamén que Facebook, Twitter, Instagram ou YouTube deciden cales son os contidos axeitados, pero pregúntanse quen establece os parámetros destes robots e por que non existen medidas para protexer ás mulleres dos continuos ataques nas redes.

Estes serán algún dos aspectos que se abordarán na sesión de tarde, na que terá lugar un wikimaratón feminista para xerar biografías de mulleres e poñer en valor o seu traballo e un obradoiro virtual para combater machitroles, que achegará ferramentas para dar respostas aos comentarios machistas e misóxinos nas redes.

A cátedra, instrumento para promover a igualdade

A Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra teñen como obxectivo, a través da creación da Cátedra de Feminismos 4.0, promover a igualdade, a non discriminación e accesibilidade universal das mulleres no ámbito das actuais sociedades da información. En concreto, a promoción e o impulso de actividades de investigación e innovación feminista en todos os ámbitos do coñecemento, priorizando os estudos relacionados coa dixitalización actual da sociedade e o ámbito das STEAM (siglas en inglés de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas), onde as mulleres están infrarrepresentadas e resulta un espazo cada vez máis relevante nas sociedades do futuro.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario