A cidade da cultura achegará a máis de 2.000 estudantes a exposición ‘as miradas de Isaac’ a través de videoconferencias

Estas emisións en liña amplían ás de ‘Galicia, de Nós a nós’, que rematan o 15 de xaneiro coa participación de máis de 3.000 estudantes de 51 centros
Publicado por o día 17/12/2020 na sección de Cultura,Educación,Eventos

A cidade da cultura achegará a máis de 2.000 estudantes a exposición ‘as miradas de Isaac’ a través de videoconferencias

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura amplía o seu programa pioneiro en Galicia de levar as exposicións ás aulas -a través de visitas didácticas por videoconferencia- coa incorporación da mostra As miradas de Isaac a esta modalidade en liña. Deste xeito, máis de 2.000 estudantes de último ciclo de Ensino de primaria, de ESO e Bacharelato profundarán na interesante vida e importantes proxectos de Díaz Pardo ao longo das 70 quendas que se emitirán do 20 de xaneiro ao 26 de marzo, no dobre horario de 10,00 e 12,30 horas.

Con esta incorporación, consolídase esta iniciativa que naceu como unha alternativa para os centros de ensino ás saídas escolares programadas, limitadas polas actuais medidas de contención da pandemia da covid-19. O proxecto arrancou con éxito o pasado mes de outubro coa exposición Galicia, de Nós a nós e cuxas visitas virtuais rematarán o 15 de xaneiro rexistrando a participación de máis de 3.000 estudantes de ESO e Bacharelato de 51 centros galegos.

Deste xeito, en canto rematen as de Galicia, de Nós a nós darán comezo as visitas didácticas en liña de As miradas de Isaac, para as que xa están activas as reservas por parte dos centros, aos que se lles anima con este tipo de actividades a tirar proveito das posibilidades da tecnoloxía que permiten a docentes e estudantes afondar en contidos culturais de primeira orde e gran potencial didáctico, da man do equipo de guías do Museo Gaiás.

‘As miradas de Isaac’ na aula

Dirixidas a alumnado do último ciclo de Primaria e tamén de ESO e Bacharelato en Educación secundaria, as visitas didácticas en liña a As miradas de Isaac permiten achegarlles a estes estudantes unha figura imprescindible da historia da cultura galega do século XX, impulsor de achegas tan relevantes como Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.

Están conducidas polo persoal de guías do Museo Centro Gaiás, cos que alumnado e docentes poden interactuar en directo. Ademais de visualizar múltiples obras expostas na mostra, a visita emprega recursos audiovisuais adicionais que axudan a comprender mellor o contexto socio-histórico onde transcorreu a vida de Díaz Pardo (1920 -2020) e a relevancia para Galicia dos seus proxectos e iniciativas empresariais e culturais e conectar deste xeito esta figura irrepetible e poliédrica (pintor, ceramista, editor, escritor, empresario…) coa actualidade e coa realidade da audiencia. De forma complementaria, a actividade procura tamén pór en valor o uso das TIC nos procesos de aprendizaxe actuais.

Ferramenta didáctica de primeira orde

Con esta iniciativa, a Cidade da Cultura proponse dar continuidade ao seu consolidado programa didáctico, que só en 2019 atendeu a 14.652 alumnos e alumnas de 640 grupos procedentes de centros de toda Galicia, que se achegaron así ás exposicións, arquitectura e espazos naturais do Gaiás. O Servizo de Educación, Mediación e Atención ao Público do Museo esfórzase con esta nova modalidade en manter o contacto e interacción directa cos centros de ensino e o seu alumnado no contexto actual, co convencemento de que as visitas vinculadas á cultura e á arte, e as actividades fóra da aula no seu conxunto, son unha valiosa e amena ferramenta pedagóxica na docencia.

Neste senso, o programa de visitas didácticas en liña é só un dos múltiples recursos que a Cidade da Cultura vén desenvolvendo no último ano para achegar a súa programación ao público no contexto imposto pola pandemia de limitación de desprazamentos e redución de prazas nas actividades ao vivo. Neste sentido, desde o pasado mes de marzo lanzáronse a través da Rede actividades para a cativada como o ciclo de contacontos en liña do Club das lerchiñas; a serie de vídeo-receitas das Cociñeiras ilustradas; ou os retos didácticos da Raposa Fedella. Xa no eido do público adulto, o Gaiás emitiu a través de streaming tanto concertos –por exemplo na celebración de eventos sinalados como o Día da Música, ou máis recentemente os magostos e agora en decembro serán os de Nadal no Gaiás– como sesións de debate e análise sobre o sector cultural como as dos Foros #aculturasegue ou o de #culturalike.

Comentar noticia

Your email address will not be published.