A cidade da cultura pon en valor a creatividade emprendedora con dous certames fotogáficos e unha xonrada lúdico-formativa

CreaGaiás’ é unha iniciativa do Centro de Emprendemento do Gaiás que na súa segunda edición procura potenciar o traballo das persoas emprendedoras do sector creativo residentes no Coworking e Viveiro da Cidade da Cultura
Publicado por o día 15/03/2019 na sección de Cultura,Xunta de Galicia

A cidade da cultura pon en valor a creatividade emprendedora con dous certames fotogáficos e unha xonrada lúdico-formativa

O Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura organiza unha nova edición de CreaGaiás, co obxectivo de darlle visibilidade e pór de relevo o traballo das persoas emprendedoras do sector cultural e creativo. Dous certames de fotografía co emprendemento como eixe e unha xornada lúdico-formativa programada para o vindeiro 11 de abril compoñen o programa desta iniciativa promovida pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a empresa de xestión cultural Correveydile.

Así, xa a partir de hoxe está aberta a inscrición para participar no certame de reportaxes fotográficas CreaGaiás7x7, dirixido a estudantes e fotógrafos non profesionais, emprendedores e coworkers, ou público xeral con interese na fotografía e nas artes visuais. A reportaxe a presentar a concurso consistirá nunha serie de sete imaxes que retraten a actividade emprendedora e creadora nun centro de coworking, debendo reflectir o propio espazo de traballo do Centro de Emprendemento do Gaiás, a súa actividade, servizos, dinámicas, o día a día dos e das súas integrantes, así como os particulares condicionantes do traballo emprendedor. A reportaxe gañadora será galardoada cun premio dotado con 1.200€. Para participar cómpre inscribirse ata o 24 de marzo en cidadedacultura.gal.

Ademais, a través da rede social Instagram lánzase un concurso dirixido a instagramers de toda Galicia que os anima a publicar todo tipo de fotografías relacionadas coa temática do emprendemento, entre as que a mellor será premiada con 300€. Ambos galardóns estarán outorgados por un xurado especializado composto por profesionais da fotografía, e representantes da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, da Cidade da Cultura e da empresa de xestión cultural Correveydile.

Talleres, música, faladoiros e un mercado de emprendemento creativo

A actividade central de CreaGaiás será unha xornada lúdico-formativa especialmente dirixida a persoas emprendedoras ou profesionais do sector creativo, así como a público interesado no emprego da imaxe na contorna dixital ou en coñecer de primeira man as empresas residentes no Centro de Emprendemento no Gaiás, que desde a súa creación apoiou xa a uns 400 proxectos. A xornada, que se desenvolverá a partir das 16h, inclúe un mercado creativo das empresas e persoas emprendedoras residentes no Coworking e Viveiro do Gaiás e dous obradoiros –sobre fotografía con teléfonos móbiles e ioga e hixiene postural no entorno profesional–. Completan o programa un faladoiro e concerto acústico do dúo xixonés Pauline en la Playa, que esta primavera lanzará un novo traballo discográfico; unha sesión DJ e unha zona de networking e foodtrucks. A asistencia é libre e de balde ata completar capacidade.

Emprendemento na Cidade da Cultura

CreaGaiás é un proxecto organizado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, a través do seu Centro de Emprendemento Creativo, e a empresa de xestión cultural Correveydile. Conta ademais coa colaboración da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, e a empresa Daveiga. Pódese consultar máis información no web www.cidadedacultura.org.

Na súa segunda edición, CreaGaiás volve sumarse á programación da Cidade da Cultura arredor ao emprendemento no eido das industrias culturais, campo que, xunto coa tecnoloxía e a cultura, é un dos tres eixes nos que opera o Gaiás. O seu Centro de Emprendemento ofrece un espazo de coworking, un viveiro de empresas e unha área tecnolóxica na que compañías punteiras, como Vodafone, desenvolven proxectos de apoio a start-up galegas. O CEM ofrece un programa de titoría e acompañamento na posta en marcha de modelos de negocio, maduración de ideas empresariais, asesoría financeira, networking e showrooms.

Máis aló dos recursos dirixidos aos emprendedores/as con sede na Cidade da Cultura, o Gaiás desenvolve cada ano unha ampla programación que ten por obxecto estimular o talento e crear cultura emprendedora en Galicia, xa sexa a través de accións formativas ou eventos como Atlantic Emprende +Gaiás –encontro profesional arredor do sector musical que se celebra o vindeiro 30 de marzo– ou os Premios Gaiás Sixto Seco –que levan xa seis edicións premiando os mellores proxectos emprendedores–.

Comentar noticia

Your email address will not be published.