A CIG chama as traballadoras e traballadores da plataforma de Extel na Coruña a secundar masivamente o calendario de mobilizacións convocado ao longo deste mes de maio para esixir melloras nas condicións laborais e salariais e o cese inmediato dos despedimentos arbitrarios. As protestas comezarán este xoves, 9 de maio, con paros laborais de unha hora e concentracións diante das oficinas da Extel (Edificio Proa, Matogrande) ás 12:00 horas e ás 18:00 horas.
Para o 16 de maio está convocada unha folga de 24 horas; e para o xoves 23 de maio, repetiranse os paros de unha hora e as concentracións ás 12 e ás 18 horas. O calendario deste mes concluirá o venres 31 de maio cunha nova xornada de folga de 24 horas.
Con estas mobilizacións (convocadas pola sección sindical da CIG, xunto con CCOO e UGT, que conforman a maioría do comité) quérense denunciar os despedimentos arbitrarios; a carga de traballo excesiva baixo presión constante; o impago incorrecto dos incentivos e as mudanzas aleatorias dos criterios para o seu cálculo; a falta de formación; os impedimentos para conciliar a vida laboral e familiar; os cambios constantes de departamento; que se obrigue a atender chamadas e ao tempo facer trámites administrativos; ou que a empresa non cumpra cos acordos asinados.
A precariedade é tal, advirten, que mesmo os postos de traballo non reúnen as condicións hixiénicas axeitadas e incluso os medios materiais están en mal estado.
Falta de vontade absoluta da empresa por resolver as problemáticas laborais
O desencadenante que levou á maioría da representación social a convocar estas mobilizacións foi a apertura dun expediente disciplinario a unha traballadora, xusto tres días antes de manter unha reunión coa dirección pola que levaban agardando seis meses. Con este proceder, denuncian dende a sección sindical da CIG, a empresa amosa o seu nulo interese tanto por intentar resolver as problemáticas trasladadas polo persoal como por mellorar as relacións laborais.
Para manter dita reunión, o comité esixiu a retirada inmediata do expediente porque “non podíamos seguir falando doutros conflitos cando tiñamos enriba da mesa o posto de traballo dunha compañeira e sen saber o futuro do resto”. Finalmente, a xuntanza non se chegou a celebrar porque a empresa se negou a retirar o expediente. Porén, resulta moi significativo que o responsábel enviado por Extel dende Madrid manifestara que só acudía ao centro da Coruña para coñecer o clima laboral, mais non para negociar nin chegar a acordos, xa que, segundo informou, carecía de poder de decisión.
Extel despediu a traballadora
Para máis abundar, Extel (do sector dos centros de chamadas e que conta con arredor de 600 empregadas/os na plataforma da Coruña) procedía o pasado martes a despedir á traballadora á que lle abrira un expediente “baseado en mentiras e falsos argumentos sen sentido”.
Ante estes ataques aos dereitos laborais máis básicos, dende a sección sindical da CIG chaman a todo o persoal dar unha resposta contundente secundando de xeito masivo os paros e as mobilizacións “para que a empresa vexa que non imos tolerar esta escravitude”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.