A CIG-Citroën critica o premio que se lle concedeu a PSA «pola creación de emprego de calidade»

Sostén que coa actual precariedade este galardón do Consello de Economistas “é un acto de cinismo”
Publicado por o día 28/01/2019 na sección de CIG,Galicia,Sindicatos,Vigo

A CIG-Citroën critica o premio que se lle concedeu a PSA «pola creación de emprego de calidade»

A sección sindical da CIG en Citroën critica que o Consello de Economistas de Galiza veña de premiar este venres a PSA Citroën pola suposta «creación de emprego de calidade» ao entender que no actual contexto de precaridedade laboral un galardón deste tipo constitúe “un acto de cinismo político e de hipocrisía electoral”.

Dende a representación da CIG na empresa do sector da automoción con sede en Vigo amosan a súa sorpresa polo feito de que se entregue un galardón deste tipo “cando a clase obreira de todo o mundo está a sufrir unha precariedade laboral e unha perda de dereitos sociais sen precedentes”.

No caso concreto de Citroën, pregúntanse como se pode sinalar os seus traballadores/as como beneficiarios de emprego de calidade “cando incluso dentro do propio sector podíamos sinalar algunha empresa con mellores condicións socioeconómicas e laborais que a nosa”.

Premio ao sufrimento laboral

Polo tanto consideran que este recoñecemento, que se lle concede á compañía gala do automóbil tamén pola suposta <<mellora da sociedade a través de numerosas accións de patrocinio>>, constitúe un “acto de cinismo político”. Neste senso, aseguran que “ou ben descoñecen a nosa realidade ou o que fan é un exercicio de hipocrisía electoral”.

Sosteñen ademais que se as autoridades políticas que participaron no acto se molestasen en coñecer de primeira man o que sucede cos salarios, cos ritmos de traballo, coa nosa saúde e calidade de vida e coa grao de eventualidade e precariedade dos empregados/as de Citroën “decataríanse de que se dalgún premio somos merecedores/as os traballadores/as desta empresa é o do sufrimento laboral para poder sobrevivir”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.