A CIG concentrarase en Asientos de Galicia para denunciar a precarización laboral e a perda de emprego

A protesta enmárcase na campaña en defensa do sector do automóbil
Publicado por o día 13/05/2019 na sección de CIG,Galicia,Protestas,Sindicatos,Vigo

A CIG concentrarase en Asientos de Galicia para denunciar a precarización laboral e a perda de emprego

A CIG-Industria ten convocada unha concentración para o vindeiro mércores, 15 de maio, diante de Faurencia-Asientos de Galicia (Polígono de Valadares, rúa 3), ás 10:30 horas, para denunciar a precarización das condicións laborais e os recortes salariais aplicados ao persoal e rexeitar os despedimentos que pretende executar a dirección da multinacional.

Esta mobilización forma parte da campaña que a central sindical está a desenvolver en resposta ao crecente deterioro das condicións de traballo neste sector e para reclamarlles ao Goberno español e á Xunta políticas que garantan o futuro da industria galega do automóbil ante a transformación que atravesa pola chegada de novas tecnoloxías e a aprobación da lei de cambio climático e transición enerxética.

De feito, a CIG xa se reuniu cos grupos parlamentares o pasado mes de febreiro para presentarlle o documento de propostas da Federación para o sector da automoción e solicitarlles que as convertan en iniciativas parlamentarias para garantir a súa supervivencia. Está pendente de concretarse unha xuntanza co clúster de empresas da automoción para abordar a situación desta industria e está solicitada tamén reunión coa Xunta de Galiza.

Para a CIG-Industria resulta fundamental apostar por vehículos menos contaminantes (híbridos, eléctricos e híbridos a gas); así como polo coche autónomo, de alto valor engadido, e no que a industria galega está a quedar nunha posición moi feble a respecto doutros países.  O sector da automoción, lembran, é estratéxico para o noso país e fundamental para as bisbarras de Vigo e Ourense.

Estratexia de precarización en Asientos de Galicia

A decisión de levar a protesta a filial de Faurencia no Polígono de Valadares responde á estratexia de precarización laboral e salarial que a multinacional está a aplicar na súa división de asientos. Malia que nos últimos anos Asientos de Galicia tivo uns beneficios superiores aos 15 millóns de euros por exercicio, a dirección mantén o discurso de que “non son competitivos”; unha sorte de mantra que repiten todas as empresas do sector.

Non hai que esquecer que no ano 2016 a dirección propuxo unha redución salarial de 3.000 euros baixo a escusa de que había que gañar competitividade e así poder optar á adxudicación do novo modelo P24.  Ao tempo, o Grupo Faurencia conseguiu os asentos do Citroen K9, pero subcontratou esta actividade coa auxiliar LEAR (o antigo Grupo Antolín), deixando sen carga de traballo á súa planta de Asientos en Vigo.

A isto hai que sumar que o convenio de empresa a cinco anos asinado por CCOO, UGT, CSIF e CGT implica que os traballadores e as traballadoras non teñan aumentos salariais reais até 2020, para cando se contemplan subas iguais ao IPC. Pero, ademais, para os anos 2018 e 2019 asinaron un ERE temporal e unha redución salarial para cada un destes exercicios de 1740€ e 1000€, respectivamente.

Aínda que nese convenio de empresa se recolle que a empresa non realizará despedimentos durante o tempo de vixencia deste, a realidade é que, a día de hoxe, a dirección de Faurencia-Asientos de Galicia quere precarizar aínda máis as condicións e baralla levar a cabo extincións de contratos por causas obxectivas co obxectivo de recortar o cadro de persoal, a pesar de que nesta planta producirá o novo modelo de PSA Citroen.

A CIG non vai permitir este incumprimento flagrante do convenio e que a empresa execute despedimentos cando non existen causas que o motiven. A central tamén solicitou unha reunión co comité para afrontar de maneira conxunta este ataque laboral, mais os sindicatos asinantes do convenio rexeitaron esta posibilidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.