A CIG convoca mobilizacións “Na defensa da industria e do emprego en Galiza” para o 30 de xaneiro

Pola derrogación das reformas antiobreiras e en demanda da recuperación de dereitos
Publicado por o día 27/01/2020 na sección de CIG,Protestas,Sindicatos

A CIG convoca mobilizacións “Na defensa da industria e do emprego en Galiza” para o 30 de xaneiro

Ante a situación de emerxencia nacional e social que vivimos en Galiza, a CIG, como 1ª forza sindical, ten convocadas novas mobilizacións o xoves 30 de xaneiro, en todas as comarcas, para exixir a derrogación das reformas antiobreiras e cambios reais nas políticas que nos permitan recuperar os dereitos roubados e vivir e traballar dignamente na nosa Terra.

MOBILIZACIÓNS 30/1/2020

– VIGO: 18:30h desde Vía Norte

– A CORUÑA: 20h desde a Praza de Vigo

– PONTEVEDRA: 20h, desde a Praza da Peregrina

– FERROL: 20h, desde a Praza do Himno

– COMPOSTELA: 19:30h desde a Alameda

– LUGO: 20h, desde o Edifico Sindical (Ronda da Muralla)

– OURENSE: 11h, concentración ante a Subdelegación do Goberno (P. San Lázaro)

Nos últimos meses vimos arrastrando unha crise industrial que percorre Galiza de norte a sur e que ten lugar baixo a ameaza dunha recesión económica, cando aínda non saímos da anterior. Unha crise que se salda coa conformación dunha realidade caracterizada polo empobrecemento xeneralizado imposto pola vía das reformas laborais, sociais e das pensións; o medre na destrución de emprego, especialmente no sector industrial; a extensión da pobreza laboral e dos baixos salarios; e a centralización e os impedimentos ao noso dereito a negociar as condicións de traballo en Galiza.

Estamos baixo a intensa aplicación das políticas neoliberais executadas polos gobernos español e galego, o incremento das privatizacións e dos recortes nos servizos públicos e unha maior concentración do capital, acompañada da ‘robotización’ e da descarbonización da economía. Neste proceso, a Galiza impónselle un nivel de esixencia tan alto da redución das emisión de CO2 -cos peches das centrais térmicas das Pontes e Meirama-, como se fósemos unha sociedade soberana e industrializada ao nivel de Alemaña ou Francia. Cando en verdade somos vítimas dun tecido económico e industrial deseñado polo grande capital español e internacional, resultado de anos dunha industria de enclave que veu espoliar as nosas materias primas, que non pecha os ciclos produtivos e que ten sido altamente contaminante.

Todo un conxunto que está provocando en Galiza un regueiro de ERTEs, peches de empresas, reducións de cadros de persoal e novas deslocalizacións da produción.

Un goberno incompetente

Estes son os trazos dunha realidade na que está en xogo o noso futuro, cun Goberno galego incompetente que contribúe á destrución dos sectores produtivos estratéxicos e que fai unha política socialmente suicida consistente no macroturismo, no Camiño de Santiago a grande escala, ou na eucaliptización do país en favor das grandes corporacións. Mentres, seguimos subministrando man de obra barata a través dunha emigración que nos deixa sen xente, nun país cada vez máis envellecido e con menos poboación activa.

A nivel estatal, os pasos dados na conformación do novo Executivo débennos pór en desconfianza e alerta, ao existir un elevado risco de que continúe coa axenda neoliberal. Pois, malia as promesas existentes, durante a anterior lexislatura nin se derrogaron as reformas laborais nin a das pensións, nin mudaron as políticas económicas que manteñen este sistema de economía especulativa.

Neste contexto, é lamentábel asistir ao papel de UGT e CCOO en Galiza, máis preocupados por branquear o PP no marco do diálogo social, que por acudir aos chamamentos reiterados que desde hai un ano leva facendo a CIG para dar unha resposta conxunta a esta grave situación.

Polo tanto, non son tempos de propagandas nin de enganos, son tempos de cambios reais e profundos das políticas porque o prezo de mantelas é incrementar a inxustiza social e favorecer as condicións para o neofascismo, que no Estado español é o franquismo de sempre.

Mais os dereitos nin se regalan, nin se compran, nin veñen do diálogo social, nin os concede un goberno porque si. Os dereitos conquístanse coa loita e a mobilización. Esta é a vía para alcanzar políticas alternativas coas que poidamos exercer o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa Terra.

Comentar noticia

Your email address will not be published.