A CIG de Vigo inicia os contactos cos colectivos sociais de cara á manifestación do día 30

Mantivo unha xuntanza con representantes da Favec, Os Ninguéns, RSP e Á Marxe
Publicado por o día 23/10/2019 na sección de Á Marxe,Galicia,Os Ninguéns,RSP,Social,Vigo

A CIG de Vigo inicia os contactos cos colectivos sociais de cara á manifestación do día 30

Responsábeis da CIG de Vigo mantiveron unha reunión con representantes da Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao (Favec), Os Niguéns, Rede de Solidariedade Popular (RSP) e Á Marxe para abordar a situación socioeconómica e laboral da comarca no marco dos preparativos da manifestación convocada pola central o mércores 30 dende Vía Norte ás 20:00 horas baixo o lema ‘SOS Vigo: polo futuro industrial da comarca, emprego digno e servizos públicos’.

Dende a CIG alertan sobre a destrución de tecido produtivo e emprego que pon en risco a continuidade de actividades estratéxicas para a bisbarra e para o conxunto do país, como a construción naval, “porque malia que o relato oficial insiste na recuperación económica, a realidade é ben diferente”.

Segundo datos da última EPA (2º trimestre do ano), só na cidade hai 6800 postos de traballo menos no sector industrial e na construción dos que había hai unha década. “A nosa comarca retrocedeu significativamente como motor produtivo e económico de Galiza”. En termos de PIB, descendeu un 1,57% entre 2010 e 2106, mentres que a bisbarra da Coruña aumentou un 21,54% no mesmo período. En consecuencia, o PIB coruñés é un 31% maior ao da comarca viguesa, cando en 2010 era só un 5,54% superior.

Esta caída supón que a área de Vigo deixase de ser o principal polo económico do país, algo que se constata especialmente no caso da industria. As cifras de Valor Engadido Bruto (VEB) amosan como entre 2010 e 2016 as ramas industriais retrocederon por volta dun 6,59%, mentres que na Coruña incrementábanse un 9,28%.

Este proceso de “desertización produtiva e desmantelamento industrial” está empurrando a comarca a ser cada vez máis dependente do sector servizos, onde como demostra a evolución do paro rexistrado o emprego é moito máis precario, cunha elevadísima taxa de temporalidade e cun cada vez maior peso da contratación a tempo parcial e con menores salarios. “En consecuencia, a desindustrialización que padecemos está a provocar máis desemprego, máis precariedade e máis empobrecemento e pobreza”.

Proba da mala calidade do emprego é que só na cidade de Vigo, no primeiro trimestre deste ano, contabilizáronse 7000 empregos indefinidos menos que en 2009, pero 2300 máis eventuais que 10 anos antes, segundo datos da EPA.

Una respuesta para "A CIG de Vigo inicia os contactos cos colectivos sociais de cara á manifestación do día 30"

  1. Gamela   25/10/2019 at 11:53

    A deus rogando, e co mazo dando! Se a CIG vén sendo o “brazo armado” do BNG teríamos que preguntarnos por qué o BNG pacta co PSOE de Abel Caballero e Carmela Silva na Deputación de Pontevedra ???

    Agás que tamén o BNG teña intencións neoliberais para favorecer os Mercadillos de Nadal ao módico prezo de 7.250 € cada posto na Alameda? Así calquera paga as máquinas de neve do caudillo local ? A pesares de que a empresa que xestiona esta barbaridade habite en Madrid e ninguén saiba siquera o seu nome!

    Santa Transparencia Ora pro Nobis !!!
    https://twitter.com/GamelaNova/status/1187148147874816000

    Responder

Comentar noticia

Your email address will not be published.