A CIG de Vigo lanza un SOS ante a grave crise do sector industrial e os servizos públicos da comarca

A central sindical pon en marcha unha campaña de información e mobilización para reclamarlle aos Gobernos solucións urxentes e efectivas
Publicado por o día 16/10/2019 na sección de CIG,Galicia,Sindicatos,Vigo

A CIG de Vigo lanza un SOS ante a grave crise do sector industrial e os servizos públicos da comarca

Responsábeis da CIG de Vigo compareceron hoxe en rolda de prensa para anunciar a posta en marcha dunha campaña de información e mobilización baixo o lema ‘SOS Vigo: polo futuro industrial da comarca, emprego digno e servizos públicos’ co obxectivo de reclamar solucións á grave crise industrial que atravesa a bisbarra e facer públicas as alternativas que propón a central. O epicentro da campaña será a manifestación que terá lugar na cidade o vindeiro mércores 30, aínda que tamén se levarán a cabo asembleas nos centros de traballo, actos de axitación na rúa e xestións institucionais.

O secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, que compareceu xunto aos responsábeis comarcais das federacións de Industria, Saúde, Ensino e FGAMT,  alertou sobre a destrución de tecido produtivo e emprego que pon en risco a continuidade de actividades estratéxicas para a bisbarra e para o conxunto do país, como a construción naval, “porque malia que o relato oficial insiste na recuperación económica, a realidade é ben diferente”.

Segundo datos da última EPA (2º trimestre do ano), só na cidade hai 6800 postos de traballo menos no sector industrial e na construción dos que había hai unha década. “A nosa comarca retrocedeu significativamente como motor produtivo e económico de Galiza”. En termos de PIB, descendeu un 1,57% entre 2010 e 2106, mentres que a bisbarra da Coruña aumentou un 21,54% no mesmo período. En consecuencia, o PIB coruñés é un 31% maior ao da comarca viguesa, cando en 2010 era só un 5,54% superior.

Esta caída supón que a área de Vigo deixase de ser o principal polo económico do país, algo que se constata especialmente no caso da industria. As cifras de Valor Engadido Bruto (VEB) amosan como entre 2010 e 2016 as ramas industriais retrocederon por volta dun 6,59%, mentres que na Coruña incrementábanse un 9,28%.

Gonçalves denunciou que este proceso de “desertización produtiva e desmantelamento industrial” está empurrando a comarca a ser cada vez máis dependente do sector servizos, onde como demostra a evolución do paro rexistrado o emprego é moito máis precario, cunha elevadísima taxa de temporalidade e cun cada vez maior peso da contratación a tempo parcial e con menores salarios. “En consecuencia, a desindustrialización que padecemos está a provocar máis desemprego, máis precariedade e máis empobrecemento e pobreza”.

Proba da mala calidade do emprego é que só na cidade de Vigo, no primeiro trimestre deste ano, contabilizáronse 7000 empregos indefinidos menos que en 2009, pero 2300 máis eventuais que 10 anos antes, segundo datos da EPA.

Naval e automoción

O máximo responsábel da CIG-Vigo fixo especial fincapé na situación que atravesan dous sectores fundamentais para a comarca, como son o naval e a automoción. Do primeiro, inmerso no peche de Vulcano e na grave crise de Barreras, dixo que se enfronta a unhas difíciles perspectivas de futuro “se non hai un xiro radical nas políticas industriais da Xunta”.

No caso da automoción, incidiu en que vén de padecer unha importante vaga de ERE e perda paulatina de cadro de persoal, así como a precarización absoluta das condicións de traballo e o aumento da explotación laboral. A todo isto hai que sumar a constante ameaza da deslocalización.

A esta crise industrial hai que sumar o “efecto letal” que están a ter as políticas de recorte e privatización dos servizos públicos, de maneira especial no ámbito da sanidade. “Ao hospital Álvaro Cunqueiro, recortado e privatizado, engadiuse o desmantelamento de boa parte do Meixoeiro e agora tamén a venda de Povisa a un fondo voitre estadounidense, poñendo en risco a atención sanitaria de case 140.000 persoas e arredor de 1500 empregos”.

Chamada de emerxencia

Diante deste diagnóstico “tan preocupante”, o secretario comarcal da CIG-Vigo indicou que a central, como primeira forza sindical da comarca, ten que enfrontar esta situación e esixir medidas concretas. Por iso fixo un chamamento a participar na manifestación convocada polo CIG para o vindeiro mércores 30 dende Vía Norte ás 20:00 horas. “Queremos que sexa unha grande marcha cidadá para reclamar o noso dereito a vivir dignamente do noso traballo na nosa terra; unha chamada de emerxencia que agardamos se converta nun clamor histórico nas rúas da cidade”.

Con esta intención nos vindeiros días a central convocará os movementos sociais e o tecido asociativo para que se sumen e apoien a mobilización, “tal e como lle propuxemos a CCOO e UGT, que rexeitaron convocala conxuntamente connosco porque din que non é o momento”. Pero a CIG entende que o tempo de agardar xa pasou e considera que non se pode perder nin un minuto máis mentres a comarca está a ser golpeada por unha crise industrial desta dimensión. “Hai que reclamarlles aos Gobernos español e galego unha mudanza radical nas súas políticas e medidas reais e efectivas en favor da reindustrialización.

Entre elas, as recollidas na táboa reivindicativa elaborada pola CIG:

-Impulsar un plan industrial para a comarca, que inclúa a intervención pública en sectores estratéxicos, coa participación da Xunta ou a creación de empresas mixtas.

-Asegurar o futuro do naval tomando o control público de Barreras e Vulcano.

-Creación dunha Mesa Galega da Automoción co Cluster, as centrais e as tres universidades para impulsar un plan comarcal para a industria do automóbil. E condicionar toda axuda pública ao mantemento do emprego.

-Creación dunha tarifa eléctrica industrial galega (como fai Euskadi) para reducir os custes enerxéticos da nosa industria.

-Absorción de Povisa para a súa integración na rede pública do Sergas e rescatar a concesión privada do Álvaro Cunqueiro, garantindo a atención sanitaria 100% pública, universal, gratuíta e de calidade e o mantemento do emprego.

Finalmente, lembrou que a historia de Vigo e da súa comarca é a historia da loita obreira e da mobilización popular, “a historia do compromiso e da determinación por labrarnos un futuro mellor”, polo que chamou a clase traballadora, estudantado, pensionistas e persoas desempregadas a pasar á acción o vindeiro 30 de outubro. Con todo, aclarou que esa xornada non será un punto final, senón que será o comezo dun proceso mobilizador “que se non ten resposta por parte dos Gobernos terá que dar lugar, máis cedo que tarde, á convocatoria dunha folga xeral”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.