A CIG forza un encontro co conselleiro de Sanidade para trasladarlle as reivindicacións do persoal de ambulancias

Os traballadores/as do sector reclaman un novo convenio colectivo e a mellora do servizo
Por o 06/11/2018 | Sección: CIG,Sanidad,Sindicatos
A CIG forza un encontro co conselleiro de Sanidade para trasladarlle as reivindicacións do persoal de ambulancias

Representantes da CIG e delegados/as e traballadores/as do transporte sanitario forzaron onte un encontro co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, para trasladarlle as reivindicacións do sector durante un acto electoral celebrado en Cangas a última hora da tarde. Reclaman a sinatura dun novo convenio colectivo que poña freo á precarización das condicións laborais derivada das concesións á baixa e a mellora dun servizo moi deteriorado como consecuencia da política de privatizacións do departamento autonómico.

Persoal das ambulancias, acompañado por membros da FGAMT-CIG, agardaron a chegada do conselleiro ao establecemento hoteleiro cangués onde ía ter lugar o acto organizado polo PP coa intención de facerlle chegar as reclamacións dun colectivo que semanas atrás se manifestou polas rúas de Vigo para denunciar precisamente a falta de implicación da Xunta no conflito laboral aberto para demandar a negociación dun convenio digno fronte ás propostas regresivas da patronal. Dende a central lembran que o causante da situación foi o propio Goberno autonómico ao outorgar concesións á baixa.

O responsábel da Consellaría optou por non deterse e accedeu ao interior do edificio, o que foi contestado con berros: “Fuxir é de covardes; “Non escapes, fala con nós”. E mesmo con peticións de dimisión. A continuación optaron por entrar no inmoble, o que provocou algúns momentos de tensión cos policías de paisano que escoltaban a Almuíña cando intentaron impedilo.

Unha vez dentro, o conselleiro viuse na obriga de atendelos. No intercambio de impresións chegou a recoñecer que descoñecía que a Xunta se abstivese durante a votación na comisión na que a patronal propuxo un recorte salarial “que xenera unha total indefensión do persoal”, censuran dende a CIG.

Solicitude de reunión urxente

Os responsábeis sindicais trasladáronlle a necesidade de manter unha reunión urxente para abordar tanto o estado das negociacións do convenio como o “caos” que se vive no servizo, “con incumprimentos de protocolo e de contratos, escaseza de ambulancias, etc.”.

Almuíña comprometeuse a estudar tanto esta solicitude como outra das reclamacións expostas polos traballadores/as: que as empresas concesionarias sexan obrigadas a cumprir a lei e se lles inste a sentarse a negociar “en serio” e a acadar compromisos.

Finalmente, dende a FGAMT-CIG anuncióuselle que a partir de agora, e até que non se logre un acordo que permita rematar con esta situación, acudirán a todos os actos no que participe para facer visíbel as “xustas demandas” do colectivo.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.