A CIG insta a Xunta a actuar de inmediato para evitar a venda ilegal de Ferroatlántica e frear a especulación coas centrais hidroeléctricas

Un informe xurídico da Universidade da Coruña confirma a necesidade de autorización administrativa e dubida que se respecte a non segregación de actividades
Por o 06/08/2019 | Sección: CIG,Sindicatos
A CIG insta a Xunta a actuar de inmediato para evitar a venda ilegal de Ferroatlántica e frear a especulación coas centrais hidroeléctricas
Compartir en:

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, reclamoulle onte á Xunta que actúe de xeito inmediato para evitar a venda “ilegal e fraudulenta” do complexo industrial e enerxético de Ferroatlántica na Costa da Morte por parte do grupo Villar Mir a un fondo de investimentos estadounidense. Carril compareceu en rolda de prensa xunto ao voceiro do comité de empresa para presentar o informe xurídico elaborado polo profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña Carlos Aymerich que confirma a necesidade dunha autorización administrativa para levar a cabo a venda e se pon en dúbida que se vaia a respectar a cláusula que impide a segregación de actividades.

Segundo explicou o máximo responsábel da central nacionalista, o informe foi encargado ante a evasión de súa responsabilidade por parte da Xunta á hora de actuar con contundencia fronte a unha situación crítica que se está a dar en Ferrotlántica e que se iniciou anos atrás. “Trátase dun traballo que vén a fundamentar dende un punto de vista legal a evidencia que temos constatado: non estamos diante dunha operación limpa, senón que se trata dun proceso ilegal, agravado co feito de que se pretende que as fábricas pasen a ser unha especie de subcontrata de FerroGlobe, desvinculado da produción de enerxía e sen garantías de viabilidade e mantemento do emprego”.

Polo tanto, esixiulle á Xunta -en especial ao presidente Feijóo e ao conselleiro de Industria- que estean á altura das circunstancias e actúen de inmediato ante un novo intento do grupo Villar Mir de obter liquidez para facer fronte ás operacións que levou a cabo no sector inmobiliario. “Agora pretenden de xeito encuberto especular unha vez máis coas centrais hidroeléctricas”.

Neste senso, sinalou que a operación de venda prodúcese nun momento “crítico” para o sector industrial galego, polo que a Xunta ten a obriga de velar para que as materias primas e os recursos enerxéticos do noso país revertan na capacidade de industrialización e de xeración de emprego. “É inaudito e insólito que teñamos fábricas que por falta dunha regulación para a industria electrointensiva estean a perder postos de traballo e mesmo pechando, como tamén o é que a Xunta, sendo titular de concesións hidráulicas non leve a cabo accións que garantan a industrialización e a creación de emprego”.

Sentenza pendente

Denunciou que acontece todo o contrario, “porque somos un país produtor de enerxía e padecemos os efectos da contaminación que estas actividades xeran, pero contribuímos á industrialización, desenvolvemento e fixación de poboación noutros territorios do Estado”.

Ademais, criticou que este novo intento de venda teña lugar cando aínda está pendente a sentenza sobre o recurso interposto pola empresa hai dous contra a resolución da Xunta que impediu o segundo intento do grupo Villar Mir de desfacerse das centrais hidroeléctricas.

“Temos que lembrar que hai dous anos, de igual xeito que hoxe, tiveron que ser os traballadores/as de Ferroatlántica e do conxunto da Costa da Morta os que obrigaron a Xunta a actuar na defensa do futuro industrial, do emprego e da continuidade das fábricas. Tamén daquela, coma hoxe, lamentamos que a Xunta sexa tan lenta e pasiva á hora de actuar con contundencia ante unha situación como a que estamos a vivir”.

Finalmente, cualificou de “escandaloso” que tanto o vendedor como ao comprador néganse á retirada do recurso interposto contra a Xunta, “o que confirma que non existe boa fe na operación senón un intento de levar a cabo unha venda fraudulenta e contraria á lexislación vixente”.

Pola súa banda, o voceiro do comité de empresa, Alfonso Mouzo, agradeceulle a Aymerich o traballo realizado e sinalou que aínda que foi encargado pola CIG conta co apoio da maioría da representación do cadro de persoal. Lembrou que hai dous anos xa elaborara un, cuxos argumentos foron utilizados pola Xunta na súa resolución para evitar a venda, “pero a empresa volve agora ás andadas e bota man de subterfuxios legais para segregar as actividades das fábricas e das centrais hidroeléctricas”.

Para rematar, trasladou a preocupación do cadro de persoal despois de que o conselleiro lles confirmase que a Xunta non ía facer nada nesta ocasión “porque din os informes que teñen enriba da mesa pola cancelación e leassing non lle permiten facer outra cousa”.

Principais conclusións do informe

O autor do informe, que tamén participou na roda de prensa, explicou que o obxectivo do traballo era determinar se a venda anunciada por Ferroatlántica das fábricas de ferroaliaxes de Cee e Dumbría e das centrais hidroeléctricas que ten en concesión nos ríos Xallas e Grande ten que ser autorizada por Augas de Galiza “e tamén se as condicións da venda respectan a condición esencial que figura nos títulos concesionais e que obriga a que o titular das concesións hidroeléctricas sexa o mesmo que o propietario das fábricas”.

En canto á primeira cuestión, Carlos Aymerich explicou que a consulta feita polos/as traballadores/as responde a que tanto a empresa como a Xunta consideran que como a venda se fai non a través da venda dos activos senón mediante unha transferencia de accións -cuxo 100% pasa ao fondo de investimento estadounidense TPG, que lle encargou a xestión do complexo á sociedade Ithaka- bastaría unicamente cunha comunicación porque non hai cambio no titular da concesión, só varían os accionistas.

Fronte a isto, no informe recóllense moitos argumentos: en primeiro lugar, no ámbito das concesións de servizo e de obra pública, o Consello de Estado, que é o alto órgano consultivo da Administración española, ten unha doutrina bastante asentada que di que o termo transmisión non debe interpretarse en sentido formal, senón en sentido material (páxina 5 do informe).

En casos similares -nos que se produce transferencia de accións sen cambio formal na concesionaria- o Consello de Estado di que é unha transmisión, e que polo tanto é necesaria unha autorización administrativa previa sempre que supoña un cambio no control efectivo da sociedade concesionaria, como é o caso (páxina 6).

Ademais, unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do ano 2008 establece que se un contrato foi adxudicado a unha empresa mediante un procedemento competitivo, e se as circunstancias desa empresa cambian, pode haber unha fraude dese procedemento (páxina 7).

Dende o punto de vista da situación contractual, hai que lembrar que de acordo coa Lei de Patrimonio, tanto galega como estatal, a lexislación de contratos ten carácter supletorio da lexislación de dominio público, por tanto tamén da lexislación de augas, polo que a transmisión das accións dunha sociedade concesionaria ou contratista equipárase á transmisión ou cesión do contrato, polo que ten que ser autorizada.

Extinción da concesión

No ámbito do dominio público das concesións hidráulicas chégase tamén a esta mesma conclusión, primeiro porque a lexislación de contratos ten carácter supletorio, e en segundo lugar porque as normas de dominio público máis recentes xa recollen expresamente a necesidade de autorización administrativa (páxina 12).

En canto a se a venda respecta a cláusula de non segregación de actividades, lembrou que a empresa pretendía, dende que no seu día lle deron as concesións “a dedo”, vender por un lado as fábricas e polo outro as concesións hidroeléctricas. De feito, o último intento foi hai dous anos, e aínda está pendente o contencioso. Segundo as condicións da venda, o grupo Ferroatlántica vai ser o único subministrador de materias primas ás fábricas de Cee e de Dumbría e tamén vai ser o único que vai comprar o produto final fabricado nestas instalacións.

“Tememos que na práctica só se estean a transferir as centrais e non as fábricas, porque o prezo de venda (170 millóns de euros) coincide curiosamente co número de megavatios das concesións (170), cando no caso de venda de centrais hidroeléctricas o prezo que se adoita pagar é de un millón de euros por megavatio”.

Polo tanto, reclamoulle á Xunta analice a operación e solicite da empresa a documentación oportuna antes de autorizar a posíbel a operación de venda, “se tal e como teñen manifestado Feijóo e o conselleiro de Industria o único que os move é o mantemento do emprego nas fábricas de Cee e Dumbría; se esa é a súa preocupación, a lei esixe que teñen que iniciar o procedemento e someter a autorización previa a venda”.

Segundo manifestou, se a concesionaria se limita a presentar ante a Administración unha mera comunicación a obriga da Xunta é cualificala como solicitude de autorización e resolver o procedemento correspondente. E se a venda se fixese efectiva sen a previa autorización, Augas de Galiza tería que declarar a extinción da concesión.

Comentar noticia

Your email address will not be published.