A CIG pon en marcha unha iniciativa sindical internacional para urxir a celebración do referendo de autodeterminación do Sáhara

A central conta coa colaboración da UGT-SARIO saharauí e da CTA-A da Arxentina

Diante da pasividade dos organismos internacionais, nomeadamente da ONU e da súa misión, a MINURSO, e moi especialmente do Goberno español, e vendo a deriva dos últimos acontecementos, dende a CIG decidimos poñer en marcha unha campaña de apoio ao pobo saharauí, e para esixir a inmediata solución á súa inxusta situación.

Logo de contar coa colaboración da UGT-SARIO, central sindical que agrupa os traballadores/as saharauís, e da CTA-A da Arxentina, lanzamos unha proposta de comunicado conxunto sindical, a nivel internacional, no que se denuncia a situación que padece o pobo saharauí e se recollen as demandas para unha pronta e xusta solución, que pasa pola celebración do referendo de autodeterminación, tal e como se contempla nas múltiples resolucións internacionais ao respecto.

Por iso dirixímonos a todas as organizacións sindicais e federacións do planeta, para sumar a súa solidariedade e dirixir o comunicado conxunto ás Nacións Unidas, á Unión Europea, á Unión Africana, ao novo presidente dos EEUU e, por suposto, ao Goberno español.

Comunicado conxunto

ESIXIMOS A INMEDIATA POSTA EN MARCHA DO REFERENDO DE AUTODETERMINACIÓN DO SÁHARA OCCIDENTAL

BASTA XA DE AGRESIÓNS E VIOLACIÓNS DOS DEREITOS DO POBO SAHARAUÍ

As organizacións sindicais que asinamos este escrito, esiximos o cese inmediato de todas as violacións que se están levando a cabo contra os dereitos do pobo saharauí, por parte do Reino de Marrocos, coa complicidade dalgúns estados con intereses no conflito e a pasividade dos organismos internacionais, que non poñen os medios para dar cumprimento ás súas propias resolucións.

Pasaron xa máis de 130 anos desde que o Sáhara Occidental fora ocupado polo Reino de España, que o abandonou á súa sorte co Acordo Tripartito de Madrid, entre España, Marrocos e Mauritania, do 14 de novembro de 1975 (sen contar coa participación do pobo saharauí e violando claramente a legalidade internacional). Mauritania renunciou aos seus dereitos sobre o territorio, no acordo de paz coa Fronte Polisaria. Marrocos, pola contra, anexionouse esa parte e comezou a ocupación do territorio. En pleno século XXI, o Sáhara Occidental segue a ser un dos últimos territorios colonizados do continente africano, co uso da forza e contra a vontade da súa xente.

Os dereitos do Sáhara Occidental están avalados por múltiples Resolucións de organismos internacionais, entre as que se insta a España a que aplique a Declaración de Independencia e o dereito á libre determinación do pobo saharauí, entre outras solicitudes; como así tamén múltiples Declaracións feitas por outros organismos internacionais. Aínda así, pasados xa máis de 45 años, observamos con indignación como a impunidade sobreponse á razón e á legalidade, a pesares de todos estes anos de resistencia pacífica do pobo saharauí.

Como representantes da clase traballadora e, en consecuencia, das maiorías populares, esiximos o cese das constantes violacións dos dereitos humanos fundamentais e os dereitos colectivos deste pobo. 45 anos vendo ocupadas as súas terras, sementadas de minas e atravesadas por un muro de 2720 Mitas., que padeceu 16 anos de guerra, que sufriu masacres, como a de Zemla, que foi bombardeado con Napalm e fósforo branco (ámbolos dous ilegais), que se viu na necesidade de exiliarse masivamente aos campamentos de Refuxiados de Tinduf, que padeceu desaparicións forzadas, represión e encarceramento de presos políticos, que son torturados nos cárceres de Marrocos.

O pobo saharauí vive da solidariedade, en condicións extremas de pobreza, mentres os seus recursos son espoliados pola potencia colonizadora e as empresas transnacionais. Leva anos observando pacificamente como calquera misión internacional para resolver o conflito é boicoteada por Marrocos e como a MINURSO, lonxe de cumprir o seu cometido, actúa en conivencia con quen ocupa as súas terras.

Os últimos acontecementos incrementan a nosa preocupación e pesimismo. A ruptura do acordo de paz entre as dúas partes, pola incursión de tropas marroquís en territorio saharauí para reprimir á súa poboación, o recoñecemento da Administración Trump do territorio baixo a soberanía de Marrocos, saltándose a legalidade internacional, as declaracións de representantes diplomáticos de Marrocos, reclamando a soberanía sobre o Sáhara, Ceuta e Melilla, os intereses estratéxicos e económicos de algúns estados, como Francia, as Monarquías árabes, os EE.UU. ou mesmo Israel, e o silencio e pasividade dun actor fundamenta, como é o Estado Español, potencia administradora, logo da descolonización, cuxos sucesivos gobernos (tamén o actual) véñense desentendendo da súa antiga colonia e o seu pobo, pregados a outro tipo de intereses económicos e estratéxicos relacionados cos fluxos migratorios cos que Marrocos “compra” a súa complicidade, non parecen augurar unha xusta solución a este conflito.

Por todo isto, dirixímonos ás instancias que teñen unha maior responsabilidade no conflito, a Organización das Nacións Unidas, a Unión Europea, o novo Presidente electo dos EE.UU., a Unión Africana e o goberno de España para que, desde as competencias que cada unha ten, dean cumprimento ás resolucións internacionais antes citadas e poñan en marcha os medios necesarios para celebrar canto antes o Referendo de Autodeterminación do Sáhara Occidental.

Así mesmo, e como parte do proceso, esiximos:

A inmediata liberación dos presos e presas políticos saharauís en Marrocos, condenados con xuízos irregulares e sen garantías.

Inmediata liberación dos territorios ocupados e desaparición do muro ilegal nos mesmos.

Cese das agresións e a represión contra a poboación saharauí.

Dereito do pobo Saharauí sobre os seus recursos naturais, mineiros, pesqueiros, etc. e cese da violación do mesmo, tal e como sentenciou o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Desmentido da última Declaración de Donald Trump sobre a soberanía do territorio do Sáhara Occidental, e respecto do novo Presidente, Joseph Biden, ás resolucións Internacionais ao respecto.

Esiximos o cumprimento, por parte do Reino de España, das sucesivas resolucións da ONU, e, en especial, a última antes mencionada de decembro de 2020.

Execución inmediata, por parte da MINURSO, da misión que lle foi encomendada: a celebración do Referendo de Autodeterminación do Sáhara.

A Comunidade Internacional debe de asumir que o pobo saharauí nunca renunciará aos seus dereitos e que, sen unha solución que contemple estas demandas, a zona estará sempre en conflito con risco para as vidas e a paz alí. É por iso que agardamos sexan atendidas estas demandas, como única solución xusta e pacífica, que esiximos pola vía diplomática e sexan promovidas todas as accións encamiñadas ao seu cumprimento.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM