A CIG reclama a Carrefour que suspenda o inventario xeral do domingo 24 até que remate o estado de alarma

A central fixo unha recollida de sinaturas en rexeitamento á súa realización, que recibiu un amplísimo apoio entre o persoal
Publicado por o día 22/05/2020 na sección de Empresas,CIG,Sindicatos

A CIG reclama a Carrefour que suspenda o inventario xeral do domingo 24 até que remate o estado de alarma

A representación da CIG no Carrefour de Alfonso Molina (A Coruña) fixo unha recollida de sinaturas para trasladar o malestar que existe entre as traballadoras e os traballadores deste establecemento pola decisión da multinacional francesa de retomar os inventarios xerais este domingo, 24 de maio, en plena pandemia e no día de descanso semanal do persoal.

Os delegados da CIG critican a total falta de sensibilidade da empresa e o desprezo que amosa con esta decisión, cando no mes de marzo aprazou a realización de inventarios xerais “para evitar situacións de concentración masiva de persoal”, en cumprimento das recomendacións trasladadas polas autoridades sanitarias e pola normativa gobernamental, “polo que non ten sentido que seguindo no estado de alarma agora se celebre”.

“A Carrefour non lle chega con ter o seu persoal amoreado durante toda a semana que agora tamén quere que vaiamos o domingo traballar, incrementando así a nosa exposición ao risco de contaxio e impedindo o noso dereito a descansar”, denuncian.

Neste senso, lembran que o persoal do centro está soportando unha importante sobrecarga de traballo dende o inicio do estado de alarma, xa que preto de 50 traballadores e traballadoras se atopan en situación de baixa laboral por ser especialmente sensíbeis á COVID-19. E en moitas ocasións, engaden, sen dispor das medidas de protección necesarias, tal e como resolveu a Inspección de Traballo nos seus informes. De feito a día de hoxe, a empresa non levou a cabo a totalidade das medidas de seguridade requiridas pola Autoridade Laboral en base ás denuncias da realizadas pola CIG.

Imposibilidade de garantir as medidas básicas de seguridade

Sinalan tamén que as medidas básicas de seguridade non se poden levar a cabo na realización do inventario xeral concentrando a todo o persoal, tanto interno como externo, no centro de traballo (máis de 150 empregadas/os) sen asegurar a distancia mínima entre persoas de dous metros en todo momento, facendo un uso compartido de ferramentas e material de traballo e manipulando a totalidade dos produtos para o seu conteo.

Os delegados da CIG queren destacar a falta de sensibilidade amosada por parte de algúns mandos, que  banalizan o temor do persoal ao contaxio ante a falta de medidas de seguridade.

De igual xeito, a representación da CIG agradece o amplo apoio recibido á recollida de sinaturas e a solidariedade dos traballadores e traballadores, o que deixa en evidencia o enorme rexeitamento que a decisión da compañía suscita “e que o persoal xa está farto de tanto abuso patronal”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.