A CIG reivindica a derrogación íntegra e urxente das reformas laborais para recuperar dereitos e xerar emprego e salarios dignos

A CIG reclama políticas para frear a crise industrial
Publicado por o día 22/01/2020 na sección de CIG,Sindicatos

A CIG reivindica a derrogación íntegra e urxente das reformas laborais para recuperar dereitos e xerar emprego e salarios dignos

Delegadas e delegados da CIG da Coruña concentráronse este mércores na Delegación do Goberno para esixir a derrogación das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva, e medidas urxentes para reverter a grave crise industrial “que percorre Galiza de norte a sur”. A protesta enmárcase no calendario de mobilizacións que a CIG está a desenvolver “para esixir na rúa a recuperación dos dereitos roubados á clase traballadora para poder avanzar” e precede á xornada de mobilizacións que a central sindical ten convocada nas sete cidades galegas o vindeiro xoves, 30 de xaneiro.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen participou na concentración e na asemblea de delegados/as previa, reiterou que “non valen maquillaxes nin reformas parciais”, senón que hai que ir á derrogación íntegra e urxente das reformas laborais de 2010 e 2012 e das pensións de 2011 e 2013. Cualificou esta decisión política como o camiño “imprescindíbel” para podermos crear emprego digno, frear o empobrecemento xeneralizado da clase obreira e rematar coa precariedade laboral e cos baixos salarios impostos pola vía das políticas neoliberais.

A respecto das declaracións da ministra portavoz do Goberno aludindo a que nin sequera os sindicatos demandan a derrogación total da reforma laboral, Carril salientou que dende a súa aprobación a central sindical estase mobilizando para esixir a súa anulación e que existe unha demanda no conxunto da clase traballadora neste sentido. “Non pode haber emprego digno se non hai derrogación das reformas laborais, de igual xeito que non pode haber pensións dignas se non se tomban as reformas das pensións”, advertiu.

A este respecto, lembrou que o Colectivo de Pensionistas e Xubiladas/os da CIG ten convocadas para este xoves 23 de xaneiro, concentracións en todas as comarcas en defensa dunhas pensións públicas dignas e garantidas.

Subida do SMI

Sobre o debate da suba do Salario  Mínimo Interprofesional, a CIG defende que, tal e  como recomenda a Carta Social Europea, se sitúe en cando menos o 60% do salario medio. Parella a esta reivindicación, Carril apuntou á necesidade de suprimir o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) e a utilización do salario mínimo interprofesional, como única referencia de indicador público para os efectos de fixar a contía de calquera tipo de prestación social pública. “O IPREM foi creado no seu momento coa única finalidade de mermar as prestacións públicas e polo tanto dentro da lóxica de avanzar nos baixos salarios e prestacións”.

Crise industrial

Con esta protesta, engadiu Paulo Carril, a CIG tamén quere reivindicar medidas para enfrontar a crise industrial que atravesa Galiza, tanto por parte do Goberno español como do Goberno galego que, aínda tendo as competencias nesta materia, permanece “pasivo e inactivo” ante esta grave situación.

Neste camiño, salientou, é necesaria a aprobación urxente do estatuto do consumidor electrointensivo para dotar a este tipo de industrias dunha tarifa máis xusta, estábel e predicíbel que garanta o mantemento dos postos de traballo, da actividade produtiva e os investimentos nas fábricas.

E do mesmo xeito, atendendo ao impacto socio-ecónómico do peche das centrais térmicas, reclamou que Galiza estea incluída na estratexia de transición enerxética xusta, que se asinen no inmediato convenios similares aos xa pactados para Aragón, Asturias ou Castela e León, e que Galiza sexa incluída nas axudas que a UE destine aos territorios afectados polos procesos de descarbonización.

Comentar noticia

Your email address will not be published.