A CIG retoma as protestas para evitar a liquidación da conserveira Thenaisie

Desenvolveu unha concentración diante do despacho de avogados que asesora o grupo propietario
Publicado por o día 02/12/2020 na sección de CIG,Galicia,Protestas,Sindicatos,Vigo

A CIG retoma as protestas para evitar a liquidación da conserveira Thenaisie

A FGAMT-CIG retomou onte as mobilizacións co obxectivo de forzar un acordo de venda da conserveira Thenaisie, con centros de traballo no Grove e Mos, e deste xeito evitar a liquidación da empresa. A central desenvolveu unha concentración diante da sede de Garrigues en Vigo, o despacho de avogados que asesora a Scandia Food, o grupo romanés propietario da conserveira.

A consecuencia da protesta unha representación do persoal e da CIG foi recibida por dous avogados do despacho Garrigues. “Trasladámoslles a necesidade urxente de chegar a un acordo para venderlle a empresa ao inversor galego cuxa proposta temos enriba da mesa, porque a outra saída que queda é a liquidación da empresa”, explica Rosa Abuín, a responsábel da FGAMT do Salnés.

Tamén lles pediron explicacións polas “trabas que están a poñer con cláusulas imposíbeis e contratos leoninos” que obrigan o empresario interesado en facerse coa empresa “a valorar a retirada da súa oferta”. Neste senso, a responsábel sindical asegura non entender tampouco o papel que está a xogar a Xunta no proceso, e sinala que “un goberno non se pode deixar chantaxear por un despacho de avogados, por moi Garrigues que sexa”, e considera que terá que asumir a súa responsabilidade se finalmente a empresa desaparece, e con ela 145 postos de traballo directos.

Xuntanza no Igape

Abuín indica que precisamente co ánimo de desbloquear a situación na reunión de onte as partes déronse de marxe o día de hoxe para falar con todos os axentes implicados no proceso “coa finalidade de chegar á xuntanza do xoves no Igape con posturas definidas, para ben ou para mal”. Sexa como for, a CIG reitera a súa disposición a seguir loitando polo mantemento da actividade industrial e de todos os postos de traballo, “sabendo que o tempo se esgota”.

Deste xeito, dende a central anuncian que seguirán a mobilizarse e a presionar para que Thenaisie non vaia á liquidación, “aínda que decidimos suspender a nova protesta prevista para hoxe diante da sede de Garrigues co ánimo de que as partes acheguen posturas”. En principio estaba previsto que as concentracións se celebrasen a diario durante toda a semana diante do despacho de avogados en Vigo, a excepción do xoves, que trasladarán as protestas a Santiago coincidindo coa xuntanza no Igape.