A CIG rexistra a convocatoria de Folga Xeral de Mulleres de 24 horas para o vindeiro 8 de Marzo

Margarida Corral: “Non se recolleron as demandas do feminismo de clase para que as mulleres teñamos vidas dignas”
Publicado por o día 06/02/2019 na sección de CIG,Sindicatos

A CIG rexistra a convocatoria de Folga Xeral de Mulleres de 24 horas para o vindeiro 8 de Marzo

A secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, acompañada polas compañeiras da Executiva Confederal e das que conforman a Comisión Nacional de Mulleres, presentou esta mañá, no rexistro da consellaría de Traballo, a convocatoria de Folga Xeral de Mulleres de 24 horas para o vindeiro o de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.

A folga dará comezo ás 00:00 horas e rematará ás 24:00 horas agás naquelas empresas e organismos que teñan varias quendas de traballo. Neses casos o comezo da folga efectuarase na primeira quenda, aínda que comece antes das 00:00 horas do día 8 de Marzo, e a súa finalización terá lugar unha vez rematada a última quenda, aínda que se prolongue despois das 24:00 horas.

Do mesmo xeito, naquelas empresas cunha única quenda de traballo que comece antes das 00:00 horas do día 8 de Marzo, o paro iniciarase á hora de comezo da actividade laboral e finalizará o día 8 de marzo na hora en que conclúa esta.

Continúan as discriminacións e agresións

Segundo explicou a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, ás portas da consellaría de Traballo, a central sindical convoca esta folga recollendo as propostas do movemento feminista, do que fai parte, porque a pesar do masivo seguimento do paro e das mobilizacións convocadas para o pasado 8 de Marzo, transcorrido un ano “aínda non se abriu proceso algún que levase a mudanzas concretas, nin se recolleron as reivindicacións que o feminismo de clase ten para que as mulleres teñamos vidas dignas”.

Denunciou que, porén, as mulleres seguen padecendo discriminacións e agresións, polo feito de ser mulleres e declarou que, por iso, “o obxectivo da folga é mostrar a repulsa á desigualdade e invisibilidade histórica que soportamos as mulleres, á discriminación laboral e social, que se incrementou debido á situación de crise económica que atravesamos, pero aínda máis, por mor das medidas que supostamente foron deseñalas para paliala”.

Medidas entre as que salientou os recortes no gasto público dos que denunciou o “grande impacto nas mulleres dada a nosa presenza no sector público, que fai que sexamos as principais afectadas pola redución de salarios e a eliminación de emprego”; a reforma laboral que “precarizou aínda máis as condicións de traballo”; a reforma das pensións que “afecta singularmente ás mulleres”, pola súa concentración na economía informal e polas interrupcións da vida laboral para o coidado de crianzas e maiores dependentes, que provoca que se topen con “máis atrancos á hora de acadar a cotización exixida”; as medidas para mellorar a empregabilidade da mocidade, das que denunciou que o que fixeron foi “impulsar aínda máis a temporalidade e precarizar o emprego das mozas a través de contratos lixo; a eliminación das retroactividade para as persoas beneficiarias das axudas á dependencia ou a reforma do réxime de empregadas do fogar que “perpetúa a discriminación dunha actividade historicamente feminina”.

Isto xunto coa denuncia das políticas da Xunta de Galiza que provocaron o “desmantelamento dos servizos sociais públicos” mentres financiaban “con cartos públicos a un bo número de entidades ligadas á extrema dereita antiabortista no marco dunha lei, a de familia, que cousifica ás mulleres e que pretende devolvelas ao seu rol tradicional de nai-coidadora do fogar”, denunciou.

Corral apuntou ademais que esta folga é a ferramenta para denunciar que, a pesares de ser ilegal, a fenda salarial continúa sendo unha realidade moi frecuente nas empresas; do mesmo xeito que acontece co chan pegañento ou o teito de cristal, cos atrancos na conciliación ou co acoso e as agresións sexuais ás que someten as traballadoras, entre outras situacións discriminatorias e machistas. Esixindo, unha vez máis, que se derroguen todas as leis e reformas lexislativas que “perpetúan a vulneración dos dereitos que sofren as mulleres”.

Propostas

Por iso a secretaria das Mulleres da CIG propuxo toda unha serie de medidas “que evitarían a situación de desvantaxe das mulleres nos centros de traballo como diminuír a fenda salarial e establecer mecanismos de control para eliminar as discriminacións directas e indirectas nos convenios colectivos; a racionalización dos horarios de traballo e a redución da xornada laboral a 35 horas semanais; o recoñecemento efectivo do dereito fundamental á conciliación; establecer o dereito de acompañamento a consulta médica ou a titorías para o persoal con dependentes ou crianzas ao cargo e outras relacionadas cos permisos de lactación; sancións a empresas que non dispoñan dun plan de eliminación de riscos laborais específico para protexer a saúde de mulleres embarazadas, que non garantan a clasificación e a valoración dos postos de traballo con criterios obxectivos e medibles ou as que non teñan implantado medidas efectivas para detectar e eliminar situación de acoso e violencia no traballo.

Medidas que, lembrou, a CIG propón todos os anos nos órganos de representación institucional nos que está como sindicato máis representativo pero que non se aplican polo que “cómpre impulsarmos na Galiza un novo día de loita para que, dunha vez por todas, o poder entenda que non imos permitir retrocesos nos dereitos conquistados, cando aínda nos quedan moitos por alcanzar”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.