A comisaria de Pontevedra, Estíbaliz Palma, visitou hoxe á presidenta da Deputación, Carmela Silva, para agasallala cun exemplar do libro “Incorporación de la mujer a la Policía Nacional. 40º aniversario. Creciendo en Igualdad”, publicación que recompila unha ampla información sobre o sucedido nestas catro décadas. A comisaria chegou acompañada pola responsable do Punto de Contacto de Derechos Humanos e Igualdalde (DHI) da Xefatura Superior de Galicia, Noelia Pago.
A presidenta, que hai dous anos xa tiña recibido á comisaria Palma con motivo do seu nomeamento en Pontevedra despois de ter exercido como máxima responsable das comisarías de Ponferrada e Pozuelo de Alarcón, expresou a súa satisfacción por este novo encontro. “O teu nomeamento como comisaria de Pontevedra e a túa imaxe de muller empoderada ten moito máis valor que 400.000 discursos”, afirmou Silva.
Durante a xuntanza, que se celebrou nun ambiente moi cordial e distendido, comentouse que Estíbaliz Palma optará este ano a promocionar como comisaria principal. A presidenta da Deputación “advertiulle” de que debe quedar en Pontevedra unha vez que acade o ascenso. “Necesitámoste aquí!”, subliñou.
Silva e Palma comentaron polo miúdo os cambios producidos dende que a muller accedeu á Policía Nacional “un cambio que ao principio foi lento, pero que colleu impulso a partir do ano 2000”, explicouse. De feito, a portada do libro está ilustrada cunha fotografía do Congreso de Igualdade de Xénero no ámbito da Seguridade. A día de hoxe, remarcouse, o 15% dos efectivos do Corpo Nacional de Policía son mulleres e a porcentaxe segue en crecemento. Durante a conversa fíxose un repaso ao avance das mulleres en tódolos campos da sociedade e falouse da relevancia de que as nenas teñan referentes femininos claros nos postos clave dende os que se toman decisións que nos afectan. “As nenas queren ser o que ven”, afirmou a presidenta da Deputación, quen alertou de que nesta pandemia se teñen producido claros sinais de alarma, como o dato de que a presencia das mulleres científicas nos “papers” (artigos especializados) tense reducido substancialmente ao tempo que a presencia masculina incrementábase na mesma proporción.
Carmela Silva destacou o compromiso e o traballo da Deputación para fomentar as vocacións científicas entre as nenas e mozas e insistiu na necesidade de seguir transmitindo a mensaxe de que o planeta se protexe dende as enxeñerías e que as sociedades se rexen, cada vez máis, dende as TIC. Por este motivo aplaudiu a iniciativa de plasmar nunha publicación o avance da muller na Policía Nacional.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.