A Comisión Europea confirma que segue investigando a denuncia das Enfermeiras en Loita impulsada polo BNG contra a precariedade laboral no SERGAS

Ana Miranda: “A Comisión de Peticións de hoxe pon en cuestión o modelo de contratación do goberno galego na sanidade pública”
Publicado por o día 26/01/2021 na sección de BNG,Política,Sanidad

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, cualificou de “feito histórico” que un total de seis grupos políticos da Eurocámara defenderan que a denuncia contra a precariedade laboral no SERGAS impulsada polo BNG e as Enfermeiras Eventuais en Loita quedase aberta durante a sesión da Comisión de Peticións celebrada hoxe. “Que a propia Comisión Europea recoñeza o abuso da contratación temporal significa que desde Europa se pon en cuestión o modelo de contratación do goberno galego na sanidade pública”, subliña Miranda ao finalizar a sesión, na que interveu Catuxa Lagarón, en representación do colectivo.

“Quedou patente e recoñecido por parte da Comisión que a sucesión de contratos temporais para cubrir necesidades permanentes vulnera a normativa europea”, salienta a portavoz do Bloque en Europa, tal e como recolle a denuncia presentada na Comisión de Peticións e entregada a súa vicepresidenta Tatjana Zdanoka quen defendeu que se abra un procedimento de infracción e unha carta ao Goberno galego. Ao respecto, as Enfermeiras Eventuais en Loita se comprometeron a enviar máis información, especialmente sobre a concatenación de contratos, despois de ser requirido polo propio Executivo comunitario.

Así, a utilización abusiva dos contratos temporais incumpre a cláusula 5 do Acordo Marco sobre o Traballo de Duración Determinada do anexo da Directiva 1999/70, así como a Resolución do Parlamento Europeo sobre a precariedade laboral aprobada en maio de 2018 e outras Directivas, tal e como recoñeceron ademais os deputados e deputadas de varios grupos parlamentares nas súas intervencións, agás o eurodeputado do Partido Popular Millán Mon, quen utilizou de forma espúrea os datos para defender a xestión de Feijóo.

500 contratos en 6 anos

Ademais de sinalar que a investigación sobre esta situación está en curso, a Comisión Europea, recoñeceu que non existen medidas suficientes para prever o excesivo recurso á temporalidade. Neste sentido manifestou que a existencia de 500 contratos durante 6 anos é “un exemplo gravísimo da situación” e afirmou que están en contacto coas autoridades españolas sobre estas prácticas abusivas.

Ademais, na súa quenda de réplica Catuxa Lagarón criticou a falta de transparencia do goberno galego, xa que “falta información sobre o cadro de persoal do SERGAS”. Agradeceu a intervención da Comisión e o apoio dos eurodeputados e eurodeputadas, así como o da portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, xa que con este logro a denuncia segue aberta na Eurocámara.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.