A Comisión sectorial de Turismo acorda crear un grupo de traballo para implicar a todas as comunidades no Xacobeo 21

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe en Madrid xunto a directores e secretarios xerais de turismo do resto de España no encontro
Publicado por o día 29/03/2019 na sección de Cultura,Turismo

A Comisión sectorial de Turismo acorda crear un grupo de traballo para implicar a todas as comunidades no Xacobeo 21

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe en Madrid na Comisión Sectorial de Turismo que tivo lugar na sede do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo onde se aprobou a creación dun grupo de traballo específico de turismo no que estean representadas todas as Comunidades autónomas españolas e que se centrará na preparación do Xacobeo 2021.

Durante a reunión tamén se aprobou o sistema de sinalización turística homologada (SISTHO), no que se inclúe a ruta cicloturista Eurovelo ao seu paso por Galicia e se informou sobre a conxuntura turística española así como a conveniencia de levar a cabo medidas para aplicar a Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable no eido turístico.

Na Comisión Sectorial de Turismo, na que participaron directores e secretarios xerais de turismo de diferentes comunidades autónomas españolas, abordáronse igualmente temas como as normativas das vivendas de uso turístico que no caso de Galicia están a ser reguladas de xeito eficaz a través do decreto en vigor desde 2017, que está a protexer aos usuarios e aos empresarios do intrusismo profesional e velando pola convivencia de usos nas máis de 7.700 vivendas rexistradas. As festas de interese turístico nacional e internacional ou as consecuencias do Brexit no mercado turístico español foron outros dos asuntos abordados no encontro.

A creación deste grupo de traballo alíñase co obxectivo da Consellería de Cultura e Turismo que avanza para que todo o Estado poda implicarse na organización deste acontecemento. Así, de xeito paralelo, tamén se ten solicitado ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo que o Consejo Jacobeo –no que ata o momento están representadas as comunidades polas que pasa o Camiño de Santiago- tamén se abra á participación de todo o territorio español para que poida implicarse na celebración do Ano Santo.