A competición estatal para especialistas e profesionais do té celebrarase en Vilagarcía de Arousa a finais de xuño

A persoa gañadora representará ao Estado español na final internacional, nunha competición na que participan representantes de 23 países dos cinco continentes

“Desde a Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica Areeiro, levamos nos últimos catro anos facendo un esforzo considerable por participar e apoiar todos os eventos e foros que dean a coñecer e profunden na cultura do té no noso país” asegurou esta mañá a deputada Eva Vilaverde na presentación da Tea Masters Cup. Trátase dunha das competicións máis relevantes a nivel internacional dentro do mundo do té e que, na edición 2019, terá lugar no pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, o vindeiro 29 de xuño. A deputada delegada da EFA estivo acompañada por Laura Rodríguez, co-fundadora do ITE, Instituto de Investigación del Té, que é a entidade encargada da organización do evento a nivel estatal, quen asegurou que “traendo aquí esta competición queremos amosar Galicia como un escaparate a nivel turístico e, de cara ao futuro, posicionala como posible lugar de acollida da final internacional.”

A Tea Masters Cup realízase en varios estados e países dos cinco continentes e a persoa gañadora de cada competición estatal recibe como premio participar, representando ao seu Estado, na Tea Masters Cup Internacional, que na anterior edición tivo lugar en Hubei, China. Aínda que ata finais de setembro non se saberá o país que acolle a final internacional deste ano, si se coñece xa que participarán representantes de 23 países: Austria, Bielorrusia, República Checa, Georgia, Grecia, Hong Kong, Italia, Kenia, Letonia, Nova Zelanda, Polonia, Vietnam, Rusia, Corea do Sur, Singapur, Taiwán, Turquía, Ucrania, EEUU, Francia, Indonesia, Kazajistán, e España –que estará representada pola persoa gañadora do campionato que se celebra no pazo de Rubiáns–.

A do pazo de Rubiáns será a segunda ocasión na que ten lugar esta competición a nivel español –a anterior tivera lugar en Zaragoza en 2017- e segundo explicou Laura Rodríguez “esta vez superáronse as expectativas e, mesmo, incrementamos a participación”. Das 10 persoas participantes en competición, cinco son galegas: unha amateur da Coruña, un propietario dunha franquicia de Ourense, unha empresaria tamén da Coruña, unha das propietarias do pazo de Quinteiro da Cruz de Ribadumia, e un coñecido barista da cidade de Pontevedra. Os demais participantes proceden de lugares como Castellón, León, Madrid, Barcelona e Londres. Das 4 categorías que contempla a competición, nesta edición desde o ITE escolleron participar na categoría ‘tea-tasting’, que consiste en dúas quendas de catas de té a cegas nas que as persoas participantes deben identificar tanto os tés e a súa procedencia, como outros ingredientes procedentes doutro tipo de infusións. O obxectivo xenérico da competición é a promoción da excelencia do té, dando cabida a participantes que sexan tanto profesionais como amateurs especialistas do mundo do té e da gastronomía, como sommeliers, tea blenders, catadores, ou chefs.

O programa inclúe, ademais, toda unha serie de actividades abertas ao público xeral, e a asistencia será gratuíta. Así, ademais das dúas probas de competición tamén se inclúen unha cata de tés aberta ao público, unha cerimonia do té, e dúas charlas técnicas. Tamén a EFA terá unha presenza destacada no desenvolvemento do programa, dunha banda proporcionando té propio para as catas, e doutra cunha conferencia a cargo da técnica, Rocío Barreiro, que falará sobre toda a investigación realizada en Areeiro para constatar a posibilidade real de producir té galego, do apoio que se realiza aos produtores e produtoras que apostan por este cultivo, e das características destes tés. Neste sentido, Eva Vilaverde lembrou que “desde Areeiro sempre estivemos moi involucradas en difundir todo o potencial que o té ten no noso país, para que cada vez máis particulares aposten por este cultivo, e acabe sendo un nicho produtivo e económico”.

Programa 

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM