A compostaxe achégase ás crianzas de Redondela cos xogos dos ‘Bichocos’ do Revitaliza

A rapazada da escola de educación infantil Ventosela estrea os novos obradoiros e contos para aprender de maneira lúdica a necesidade de xestionar os biorresiduos de maneira sustentable
Publicado por o día 14/02/2020 na sección de Galicia,Deputación de Pontevedra,Redondela

A compostaxe achégase ás crianzas de Redondela cos xogos dos ‘Bichocos’ do Revitaliza

As crianzas da EEI Ventosela en Redondela sumáronse ás actividades que o Revitaliza da Deputación de Pontevedra está a desenvolver esta semana na vila para implantar a compostaxe. Ademais da entrega de composteiros individuais entre a veciñanza e a instalación dunha carpa informativa para a poboación xeral, as e os escolares tamén foron protagonistas dos novos obradoiros e contos que desenvolve o plan provincial nos colexios para aprender de maneira lúdica e divertida a necesidade de xestionar os biorresiduos de maneira sustentable.

Así, as crianzas coñeceron estes días a novos personaxes do mundo Revitaliza que lles axudaron a aprender de maneira divertida en que consiste a compostaxe: ‘Os bichocos’. Estes personaxes ilustrados (ademais doutros elementos orgánicos como follas, sementes ou area) utilizáronse nunha mesa de luz para contar unha historia sobre a necesidade de utilizar o compost creado do lixo orgánico para fertilizar a terra e crear vida.

As monitoras do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) explicaron que “os Bichocos son uns insectos que viven na chamada Terra Malfadada onde non nacen nin medran as flores e onde tampouco bailan as bolboretas. Os Bichocos descobren o compost da man do seu amigo o caracol Ecocol e aprenden a fabricalo ata conseguir unha terra tan boa que converte a Terra Malfadada no Xardín Máxico dos Bichocos”.

Unha vez finalizado a interpretación do conto, as e os escolares realizaron unha serie de xogos e actividades dinámicas e didácticas para comprender o proceso de fabricación da ‘terra máxica’: o compost. Entre elas estiveron o dominó de compostaxe, a proba dos residuos do tesouro, o crebacabezas dos bichocos, o composteiro máxico, o Pictionary da Terra Máxica e o labirinto dos sentidos dos bichocos, entre outros. As e os pequenos, ademais, recibiron unha mostra de compost que puideron levar para as súas casas.

Todas estas actividades lúdicas están supervisadas polo CEIDA, co que a Deputación ten asinado un convenio para dar a coñecer a compostaxe ás e aos máis pequenos co fin de que se conciencien da importancia de xestionar os residuos dunha maneira sustentable. Habitualmente alumnos e alumnas convértense en profesores das súas familias ao chegar ás súas casas, onde convencen ás persoas adultas do seu arredor da necesidade de coidar o medio ambiente.