A compostaxe chega ao barrio de Valdecorvos

A Deputación acolleu esta mañá unha reunión técnica entre o Concello e a institución provincial para ultimar os detalles do despregue da compostaxe nas parroquias do rural.
Por o 19/02/2019 | Sección: Galicia,Pontevedra
A compostaxe chega ao barrio de Valdecorvos

O Concello de Pontevedra iniciou esta semana a instalación de tres novos centros de compostaxe comunitaria no barrio de Valdecorvos e da Parda. Un deles estará na praza das Regas e outros dous estarán situados na rúa Prado Novo, fronte aos novos edificios de Valdecorvos. Cada un terá dez módulos. Ao igual que noutros barrios, o Concello recibiu sinaturas de residentes solicitando o despregue da compostaxe comunitaria en Valdecorvos que será unha realidade en poucas semanas.

Os traballos comezaron coa instalación das bases que, ao igual que todas as instaladas noutros barrios da cidade, dispoñen dun enreixado sobre o que se apoia o composteiro, fonte de auga e papeleira.

Unha vez que estean todas rematadas instalaranse os módulos de compostaxe. Ademais, está previsto un encontro do equipo de compostaxe do Concello nos centros antes da súa
posta en funcionamento e explicar como se utilizan, ao igual que se fixo antes da posta en servizo dos da Parda.

Estes tres novos composteiros véñense a sumar aos xa instalados nos barrios de Eduardo Pondal (6), A Parda (2), Monte Porreiro (3), o campus universitario (2), San Brais (1), núcleo de Cabaleiro-Campañó (1) e Brilat (1).

Compostaxe no rural

Paralelamente, o Concello de Pontevedra e a Deputación provincial mantiveron esta mañá unha reunión técnica, no marco do Plan Revitaliza, para pechar detalles da posta en funcionamento da compostaxe no rural. Neste macro proxecto preténdese o despregue de 8.000 composteiros individuais facilitados polo Concello ás vivendas unifamiliares. Está previsto comezar polas parroquias de Salcedo, Tomeza e Campañó.

Comentar noticia

Your email address will not be published.