A comunidade científica pide aos concellos reducir a carne

Máis de 60 científicos/as de todo o mundo, entre eles oito españois, asinan unha carta demandando ás alcaldías máis compromiso coa alimentación sustentable
Publicado por o día 06/10/2019 na sección de Alimentación,Greenpeace,Social

A comunidade científica pide aos concellos reducir a carne

Un destacado grupo de 65 científicos e científicas de once países pediron nunha carta aos alcaldes e alcaldesas de todo o mundo que reduzan a cantidade de carne que se ofrece nos comedores públicos das súas cidades para facer fronte á emerxencia climática na que nos atopamos. Na actualidade, as emisións da gandería, incluíndo os impactos causados pola deforestación para a produción de pastos e pensos, representan o 14,5% das emisións globais directas de gases de efecto invernadoiro, o mesmo que todos os automóbiles, trens, barcos e avións xuntos. Se non se toman medidas contundentes, esta porcentaxe podería aumentar aínda máis.

Pete Smith, profesor da Universidade de Aberdeen e autor principal do Grupo Intergobernamental de Persoas Expertas sobre o Cambio Climático ( IPCC), liderou este chamamento, no que tamén participa, por exemplo, o coñecido científico e locutor canadense, David Suzuki. Unidos, solicitan a redución do consumo de produtos gandeiros para así diminuír significativamente o impacto ambiental da produción de alimentos e mellorar a saúde humana: “Hoxe facemos un chamamento aos alcaldes e alcaldesas para que cren un futuro saudable tanto para a cidadanía como para o planeta reducindo a oferta de carne que se ofrece nas comidas que se serven nos comedores públicos e aumentando a porcentaxe de alimentos de orixe vexetal”.

Entre os científicos/ as que asinan a carta, atópanse oito españois, convertendo así a España no segundo país con máis representación: Alberto Bernués, investigador no Centro de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria do Gobierno de Aragón, Miguel Delibes, profesor de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Julio Díaz, investigador do Instituto de Saúde Carlos III, Mari Cruz Díaz Barradas, profesora catedrática da Universidade de Sevilla, Mercedes Pardo- Buendía, profesora da Universidade Carlos III de Madrid, Marta Guadalupe Rivera- Ferre, investigadora na Universidade de Vic-Universidade Central de Cataluña, Antonio Ruiz de Elvira, profesor catedrático da Universidade de Alcalá e Fernando Valladares, profesor de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Segundo Reyes Tirado, portavoz de Greenpeace International: “A pegada de carbono dos alimentos de orixe vexetal é ata 100 veces inferior á dos produtos de orixe animal. Apostar polos alimentos de orixe vexetal é outra forma de axudar a protexer os bosques do planeta como a Amazonía. Ao diminuír gran parte da demanda de carne e por tanto a de penso, as cidades poden ter un efecto enorme sobre a súa pegada de carbono e de deforestación. Aínda podemos limitar o aumento da temperatura global a 1,5 graos centígrados por encima dos niveis preindustriales, pero necesitamos actuar de inmediato. Os alcaldes e alcaldesas están a cargo de millóns de comidas a diario e deberían facer todo o posible para crear un futuro saudable tanto para a cidadanía como para o planeta”.

Cidades como Copenhague, onde se celebra a próxima semana o Cume de Alcaldes C40, son un exemplo de que este cambio é factible. Hai pouco esta cidade aprobou unha nova estratexia alimentaria que ten como obxectivo reducir as emisións en polo menos un 25% para 2025, para o que diminuirá o consumo de carne e aumentará o dos alimentos de orixe vexetal. En España, de momento, só dúas cidades, Madrid e Barcelona, sumáronse ao C40, un conxunto de cidades que se comprometeron a dar pasos adiante para frear o cambio climático. En Madrid, a cidade máis poboada do país, o novo goberno municipal debe ser consciente do compromiso asumido e da urxencia de frear as peores consecuencias do cambio climático e actuar en conformidade. Barcelona xa contempla no seu Plan Clima unha medida para a redución da oferta de carne e outra para ofrecer unha opción vegana e vegetariana, polo que é o momento de poñelas en marcha.

Centos de cidades participarán na reunión anual do Pacto de Milán sobre a política alimentaria e urbana -en Montpellier, Francia (7-9 de outubro)-, e no Cume de Alcaldes C40 -en Copenhague, Dinamarca (9-12 de outubro)-. Para apoiar a petición do mundo científico, Greenpeace insta a quen lidera os gobernos munincipales e rexionais a aproveitar esta oportunidade e comprometerse publicamente a cambiar as políticas alimentarias e reducir significativamente a cantidade de carne que se serve nos comedores públicos.

Nova York deu recentemente un paso decisivo nesta dirección e anunciou que os luns se servirán menús sen carne nos 1.700 colexios públicos da cidade: máis de 1,1 millóns de estudantes comerán unha comida vegetariana á semana. Sen dúbida, un paso necesario que deben dar outras cidades.

Comentar noticia

Your email address will not be published.