A Comunidade de Montes de Mos cede ao Concello 6.500 metros cadrados por valor de 90.000 euros para a construción do novo vial de A Rúa

A alcaldesa, Nidia Arévalo, destaca o compromiso da Comunidade de Montes co pobo de Mos e a súa aposta decidida polo futuro do municipio
Publicado por o día 05/10/2018 na sección de Galicia,Mos

A Comunidade de Montes de Mos cede ao Concello 6.500 metros cadrados por valor de 90.000 euros para a construción do novo vial de A Rúa

Onte asinouse no salón de sesións do Concello de Mos a cesión por parte da Comunidade de Montes en Man Común de Mos á administración local mosense, de terreos para a execución do Plan Especial de Infraestuturas do Vial no Núcleo da Rúa. O documento foi asinado polo presidente da Comunidade de Montes de Mos, Manuel Barciela Martínez, e pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

A rexedora local mosense destacou “a xenerosidade e o compromiso da Comunidade de Montes de Mos para coa súa parroquia e para co Municipio de Mos ao realizar altruístamente esta cesión inmoble que permite a construción dun vial que recircule o Pazo de Mos e que eliminará o tráfico rodado do entorno empedrado que discorre polo lateral do Pazo, recuperando o seu carácter peonil para favorecer o paso dos peregrinos do Camiño de Santiago e mellorar o entorno para o disfrute dos veciños”. “Esta Comunidade de Montes demostra deste xeito o amor e entrega ao seu pobo, e a concienciación e o apoio, con e para o progreso e o futuro de Mos”, insistiu Arévalo.

A CMVMC de Mos acordou ceder a favor do Concello de Mos de xeito gratuíto e con carácter indefinido unha superficie de 6.415,46 m2 que abarca as parcelas “Campo de Abaixo” e “Campo de Arriba”, limítrofes co Pazo de Mos. Estes preto de 6.500 metros cadrados están valorados en aproximadamente 90.000 euros.

O proxecto de construción dun vial en Santa Eulalia, núcleo de A Rúa, será posible grazas á cesión de terreos por parte da Comunidade de Montes de Mos e á financiación económica autonómica, cunha subvención de 281.413,68 euros da Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. O orzamento total da obra ascende a 469.022,80 euros.

A construción do vial perimetral permitirá eliminar o tráfico rodado da rúa empedrada que discorre polo lateral do Pazo, un camiño polo que pasan anualmente centos de peregrinos. O propósito é protexer ó entorno do Pazo, recuperando este vial para un uso peonil, evitando o deterioro da superficie empedrada. O proxecto propón unha alternativa viable, adaptada á topografía da parcela e ás condicións do lugar, que discorrerá polos terreos cedidos pola Comunidade de Montes en Man Común de Mos.