A comunidade universitaria súmase ás accións do Movemento Galego polo Clima

Ao finalizar o acto leuse tamén un chamamento á defensa das Humanidades asinado por 16 docentes
Publicado por o día 24/09/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A comunidade universitaria súmase ás accións do Movemento Galego polo Clima

Máis de 70 asociacións e colectivos de toda Galicia, agrupadas baixo o paraugas do recén creado Movemento Galego polo Clima, sumáronse xa á folga mundial polo clima que se celebrará o vindeiro venres 27 de setembro organizada por Fridays for future, movemento estudiantil que naceu da man da activista sueca Greta Thunberg. Neste contexto a Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu este martes unha palestra informativa na que un bo número de integrantes da comunidade universitaria puideron escoitar de preto as propostas deste movemento da man dun dos seus voceiros Kai Lois Baltrusch, estudante de Bioloxía.

Presentado polo profesor Joaquín Sueiro e ante un salón de actos case repleto, Kai Lois Baltrusch explicou que o Movemento Galego polo Clima naceu como unha plataforma en apoio á convocatoria internacional de folga realizada por Fridays for future. Nesta liña, fixo unha chamada a apoiar a folga do vindeiro venres de forma masiva e a acudir as manifestacións que están convocadas por todo o territorio galego. O activista defendeu na súa intervención o feito de que sexa a propia mocidade a que se poña á fronte deste movemento porque son as persoas máis novas as que máis van sufrir as consecuencias do cambio climático e o colapso ecolóxico que, en gran medida, están causados polas xeracións que os precederon. “Temos que facer unha chamada de atención, unha visibilización dun problema que se vai facer real en poucos anos e que imos a sufrir nós, a xente nova, as nosas fillas e as nosas netas”, recalcou o activista.

“Temos que facelo desde xa, porque se non, imos chegar a un punto de non retorno”

Respecto a se o grao de sensibilización por estas temáticas se vai incrementando, o representante do Movemento Galego polo Clima explicou que “efectivamente” a sensibilización, e con ela a visibilización do problema, vai medrando e, nesta liña, destacou a importancia de que tanto os medios de comunicación como os gobernos comecen a visibilizar a situación da emerxencia climática na que vive a sociedade na actualidade e a necesidade “de comezar a actuar xa”. Para logralo Baltrusch fixo fincapé na necesidade de activar os movementos sociais de base, “que sexan eles os que axuden a visibilizar a situación na que vivimos” e, dende aí, os cambios sociais poderanse, segundo o seu punto de vista, transformar en cambios políticos nos distintos países. “Os gobernos serán os que terán que traballar para que as reivindicacións se convertan en realidades”, recalcou o poñente.

Entre as accións máis urxentes a levar a cabo, durante a palestra falouse da importancia de reducir a cero as emisións do efecto invernadoiro. “Temos que facelo desde xa, porque se non, imos chegar a un punto de non retorno no que o dano que estamos causando ao planeta xa non será reversible”, recalcou, ao que engadiu que a sociedade corre o risco  de entrar nun contexto de cambio climático abrupto do cal xa non poida saír. “Hai que pensalo non como un proceso progresivo, senón como un círculo vicioso do que podemos non chegar a saír”, recalcou.

Aínda que sexa a mocidade quen lidera este movemento, desde a organización fixeron un chamado á participación nos diferentes actos á cidadanía en xeral, subliñando que, se ben é unha folga impulsada polo estudantado, “todas e todos temos que participar, non esquezamos que é unha folga de traballo, de consumo, etc”.

“As Humanidades tamén corren risco de extinción”

Unha vez finalizada a presentación do Movemento Galego polo Clima, tivo lugar a lectura dun manifesto en defensa das Humanidades, un escrito asinado por preto dunha vintena de docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución no que “ante a patente crise das Humanidades” fan unha chamada a unha “reafirmación da vixencia e utilidade” destes estudos. “Aproveitando a analoxía entre as entidades que corren risco de supervivencia, un grupo de colegas da facultade elaboramos este manifesto no que queremos facer ver que as Humanidades tamén corren risco de extinción”, explicou o profesor Joaquín Sueiro, ex-decano da facultade e un dos docentes que asina o documento, quen recalcou que os estudos humanísticos están nun momento crítico “no que están sendo arrombados por mecanismos monetarios ou mercantilistas”.

Nesta liña Sueiro, lembrou a existencia do Decreto 22/2011 “que nos ten moi preocupados e asustados”, xa que recalcou, esixe unha matrícula mínima nos graos de 50 estudantes. “O seu compoñente activo –referíndose a este Decreto- é a lei do mercado liberalizado. Efecto primario: con menos de 50 clientes por ano extermínanse por seren custosos. Ofreces unha formación importante? Xa hai universidades privadas que lle porán un parche”, reflicten os asinantes do documento, entre outros, nomes tan representativos como a catedrática Camiño Noia, unha das fundadoras da facultade, ou os docentes, e tamén escritores, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, Manuel Forcadela ou Rexina Vega.

Entre as principais demandas que se establecen no manifesto destacan catro: recoñecer o momento crítico que viven as humanidades (“Na UVigo ben podemos falar de perigo de extinción”); establecer un plan plurianual para a supervivencia de cada facultade deste ámbito; iniciar un proceso de asembleas, sen comisións delegadas e, “ata que non haxa no SUG unha clara liña de actuación para reverter os danos causados polo Decreto”, que as Xuntas de centro non voten a favor de nada que poida pór en perigo a calquera dos seus graos no ámbito das Humanidades.