A concatedral de Santa María de Vigo xa é basílica

A concatedral convértese na sétima basílica de Galicia
Publicado por o día 11/08/2020 na sección de Galicia,Vigo

A concatedral de Santa María de Vigo xa é basílica

A concatedral de Santa María de Vigo acaba de ser distinguida como basílica polo Vaticano. O Papa Francisco atendeu a solicitude da diocese de Tui-Vigo encabezada polo bispo monseñor Quinteiro Fiúza, e pola confraría do Cristo da Vitoria.

O templo vigués convértese no sexto de Galicia que consegue este recoñecemento. Cunha ampla historia ás súas costas, fora reconstruído na década de 1830 tras resultar gravemente danado no ano 1959 fora designado como concatedral.

O recoñecemento chega nun ano difícil, xa que o Cristo da Vitoria non puido saír en procesión debido ao coronavirus. O título de basílica menor fíxose oficial a través dun decreto do Vaticano. A concatedral acolle os principais requisitos para elevar a súa categoría, como a antigüidade da igrexa, un gran valor histórico e de culto, que está solemnemente consagrada e un amplo presbiterio que foi reformado. Culmínase así a carreira emprendida hai máis de 3 anos para obter este recoñecemento.

Iniciativa

Segundo relatou o párroco (agora primeiro reitor) de Santa María, Moisés Alonso, a iniciativa de solicitar esta distinción para o templo vigués partiu por mor dun comentario do cardeal Carlos Amigo nunha visita á concatedral. “Díxome que a concatedral tiña as condicións para ser basílica e quedeime con aquilo, ata que tiven a ousadía de presentar a solicitude ao bispo”, explicou.

Desde ese momento, iniciáronse as xestións para lograr esta ‘graza’ por parte do Papa, que se han resolvido nun tempo récord. Así, a distinción outorgouse o pasado 14 de xullo, poucos meses despois de que a Conferencia Episcopal (tras recibir o expediente do Bispado de Tui-Vigo) remitise a solicitude a Roma.

Na actualidade, existen máis de 1.500 basílicas menores (as maiores son só 4 e están en Roma: San Juan de Letrán, San Pedro, San Pablo Extamuros e Santa María a Maior), das que 123 están en España e son basílicas por designación papal. Delas, unha vintena teñen a dobre de condición de basílica e concatedral.

Para que un templo consiga esa distinción por parte do Sumo Pontífice debe cumprir unha serie de requisitos: ter un perfil arquitectónico destacado, ser un foco espiritual da comunidade, e posuír un “tesouro espiritual” (nese caso, o Cristo da Vitoria) ao que se dea culto de forma continuada.

O propio bispo da diocese, Luís Quinteiro, anunciará formalmente aos fieis a concesión do título de basílica nunha eucaristía que se celebrará o próximo 15 de agosto na concatedral. Así mesmo, está prevista a celebración dunha misa de “acción de grazas”, presidida polo Nuncio do Papa en España, Bernardito Cleopas Auza.

Comentar noticia

Your email address will not be published.