A concellaría de Ensino, que dirixe a alcaldesa en funcións Cristina Fernández, apoia as demandas da Asociación de Nais e Pais do CEIP Santiago de Oliveira e reclama unha resposta inmediata á Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Dende o comezo do curso, a ANPA de Santiago de Oliveira púxose en contacto coa Consellería de Educación para solicitar, unha vez máis, a construción dun ximnasio e a oferta do comedor escolar. “Temos un centro educativo estupendo, amplo, con profesionais que se esforzan a diario, cun patio escolar grande e arrodeado de natureza pero precisamos ter un ximnasio para non mollarnos nos días de inverno cando queremos practicar a asignatura de educación física. Non pedimos nada extraordinario, pedimos unha infraestrutura básica”, explican dende a ANPA.
Ademais,as nas nais e pais de Santiago de Oliveira insisten na necesidade de ofertar o servizo de comedor escolar, unha ferramenta imprescindíbel para a conciliación familiar e laboral. “Afortunadamente no rural de Ponteareas viven moitas familias con nenos e nenas en idade escolar. Se o que realmente pretendemos é promocionar a vida no rural e potenciar as parroquias non se entende que un centro educativo non teña comedor escolar para que as familias con fillos/as poidan desenvolver unha xornada laboral sen a preocupación e dificultade de ter que recollelos ao mediodía. Dende a miña concellaría axudamos ás familias ofertando a aula matinal e os campus para as tempadas vacacionais pero o comedor é unha competencia da Xunta que ten que asumir”, explica Cristina Fernández.
Por último a ANPA, apoiada pola concellaría, reclama a ampliación da ruta do transporte escolar para que arrinque dende a estación de autobuses do centro urbano e dar opción ás familias da vila a elixir o centro educativo de Santiago de Oliveira que ten mellor proporción na ratio por aula. A día de hoxe a ruta para asistir a este centro educativo de infantil e primaria arrinca no cemiterio municipal polo que se trataría somentes de habilitar unha parada máis. “É unha mágoa que tendo aulas con espazo para acoller máis alumnado non se dea esta oportunidade e máis nos tempos que vivimos donde a distancia social é vital, ademais de dar un mellor servizo de transporte ao alumnado do centro que vive nesa zona e se ten que desprazar en coche ata a parada do cemiterio ou ata o propio colexio”, conclúe a ANPA.
ANPA e concelleira lamentan a falta de resposta da Xunta e agardan poder comezar as xestións canto antes.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.