A concelleira Yoya Blanco amadriñará a Terras de Pontevedra na Feira Internacional de Turismo Fitur 2020

A edil de Promoción Económica e Turismo estará en Madrid os días 22 e 23 de xaneiro para presentar diversas campañas que “consolidarán a Pontevedra como destino turístico familiar”
Publicado por o día 18/01/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

A concelleira Yoya Blanco amadriñará a Terras de Pontevedra na Feira Internacional de Turismo Fitur 2020

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, a socialista Yoya Blanco, será a madriña da Mancomunidade Terras de Pontevedra na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur), que este ano celebra o seu 40 aniversario. A edil do PSOE desprazarase ata a Institución Ferial de Madrid (Ifema) os días 22 e 23 de xaneiro para presentar, entre outras iniciativas que “permitirán consolidar a Pontevedra como destino turístico familiar”, unha nova liña de folletos e tarxetóns “cun formato de banda deseñada distintivo, que ten como protagonista á nosa embaixadora Petra e que foi creada para as campañas Augas de Terras (‘Camiña entre dúas augas’) e Sabores de Terras”.

A Mancomunidade contará en Fitur 2020 cun espazo destacado dentro da oferta que a Comunidade Galega exhibirá nesta Feira, dispoñendo dun mostrador propio no que dará a coñecer a tódolos visitantes os extraordinarios recursos do destino turístico a través dunha renovada imaxe de material promocional. A delegación pontevedresa tamén presentará neste punto de encontro de profesionais nacionais e internacionais do turismo unha nova web que optimiza a experiencia do usuario e unha app centrada no produto estrela Arte Rupestre.

Tal e como sinala Yoya Blanco, “un evento desta magnitude supón un lugar perfecto para definir as liñas de traballo e as alianzas empresariais, co fin de dinamiza-la actividade turística e de innovar para atender ás cambiantes demandas do mercado actual”. Non obstante, durante estas xornadas manteranse entrevistas con prensa especializada no ámbito do turismo e reunións de traballo cos operadores turísticos.

O repertorio de material promocional que a Mancomunidade distribuirá en Fitur inclúe uns 4.000 folletos: 2.000 unidades da campaña Augas de Terras (‘Coñece Terras de Pontevedra e camiña entre dúas augas’) e outras 2.000 de Sabores de Terras (‘Unha viaxe pola gastronomía de Terras de Pontevedra’). Asemade, repartiranse mapas de arte rupestre e uns tarxetóns que permiten descargar os folletos mediante códigos QR.

Os folletos destas campañas pódense atopar na web de Terras de Pontevedra en formato flipbook nos seguintes enlaces (nos que tamén se fai un resumo das mesmas):

https://terrasdepontevedra.org/terras-de-pontevedra-camina-entre-duas-augas/
https://terrasdepontevedra.org/terras-de-pontevedra-e-gastronomia/

Fortaleceuse o márketing dixital

Ademais de desenvolver unha páxina web cunha nova imaxe e unha categorización da oferta co obxectivo de mellora-la accesibilidade e a información dos recursos turísticos, Terras de Pontevedra fortaleceu o seu posicionamento a través de accións de márketing dixital: newsletters, Facebook, publicidade en redes, banners en display para Google Adwords… Segundo explica Yoya Blanco, “a actividade de márketing en liña centrouse no lecer familiar e no produto de natureza, incluíndo diferentes publicacións en xornais dixitais e webs do sector turístico e un novo material promocional en formato dixital (ademais do tradicional)”.

“Nesta mesma dirección, deseñouse en formato cómic o personaxe de Petra, embaixadora de Terras de Pontevedra e protagonista dun vídeo no que fai un percorrido polo territorio presentando as marabillas do destino e convidándonos a coñecelas ”, sinala a concelleira de Promoción Económica e Turismo.