A Concellería de Deportes adquire un novo marcador electrónico para o Pavillón do IES Frei Martín Sarmiento

O equipamento, no que o Servizo Municipal de Deportes investiu uns 3.900 €, foi instalado durante a mañá de hoxe e permitirá cubrir os encontros oficiais de, entre outros, o CAB Pontevedra
Publicado por o día 16/01/2020 na sección de Galicia,Pontevedra

A Concellería de Deportes adquire un novo marcador electrónico para o Pavillón do IES Frei Martín Sarmiento

A Concellería de Deportes, dirixida polo socialista Tino Fernández, instalou hoxe pola mañá no Pavillón do IES Frei Martín Sarmiento un novo marcador electrónico multideportivo que permitirá cubrir, entre outros, os encontros oficiais do Club Amigos do Baloncesto Pontevedra. O equipamento, adquirido polo Servizo Municipal de Deportes do Concello cunha achega de case 3.900 euros, é compatible coas disciplinas do baloncesto (FIBA nivel 2 e 3), balonmán (nacional), voleibol (internacional), tenis, tenis de mesa, bádminton, hockey sobre xeo, floorball e fútbol sala.

O marcador, da firma Bodet, está dotado de tecnoloxía LED CMS de alta luminosidade e sistema de comunicación por radiofrecuencia ou cableado (para contornas con interferencias), permite programar os nomes das equipas e resulta visible dende 120 metros, cun ángulo de lectura de 160º. Contrólase dende un pupitre Scorepad con pantalla táctil, que asegura as indicacións deportivas para a maioría das disciplinas (baloncesto, mini baloncesto, balonmán, voleibol, tenis e fútbol) e co que os usuarios poderán personalizar diferentes parámetros: a elección dos deportes, as cores dos tanteos…

A pantalla do marcador ten un peso de 50 kilogramos e unhas dimensións de dous metros de lonxitude por un metro de alto e 65,5 milímetros de ancho. Entre as indicacións que amosa inclúese cronómetro, hora ou duración do tempo morto; indicador de parada de cronómetro; faltas de equipa; nomes dos clubes; mensaxes en desprazamento; indicadores do tempo morto; número de período, e puntuación. Pola súa banda, o pupitre de control conta cunha pantalla táctil LCD, protexida por un cristal antichoques e resistente ás rabuñadas.

Segundo sinala Tino Fernández, a Concellería de Deportes completou esta dotación de equipamento coa adquisición dun xogo de módulos para o control de tempo de posesión, tamén da marca Bodet, grazas a outra achega de 1.169 euros, “o que significa un investimento global de máis de 5.000 euros”. “Este xogo de módulos -apunta o edil do PSOE- dispón dun pupitre Timepad con conexión sincronizada á do marcador. Os tempos de posesión están indicados en díxitos de 20 centímetros de altura, o que posibilita unha visibilidade de ata 90 metros de distancia”.

En opinión de Fernández, o novo marcador e os módulos de tempo de posesión comprados polo Concello “cubrirán, cunhas condicións técnicas e tecnolóxicas inmellorables, tódalas necesidades que neste eido poidan ter os usuarios do Pavillón do IES Frei Martín Sarmiento, nomeadamente o CAB Pontevedra”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.