A Concellería de Ensino de Ponteareas destaca o compromiso dos patrocinadores das Meninas 2018

Nesta edición a concellería de Ensino abríu ao público a posibilidade de patrocinar as diferentes Meninas en beneficio da asociacións sin ánimo de lucro Avelaíña de axuda a persoas con enfermidades mentais na comarca
Publicado por o día 06/06/2018 na sección de Galicia,Ponteareas

A Concellería de Ensino de Ponteareas destaca o compromiso dos patrocinadores das Meninas 2018

A concellería de Ensino do concello de Ponteareas agradece a todos os patrocinadores das Meninas 2018 a súa aportación económica e apoio á organización Avelaíña de axuda a persoas con enfermidades mentais que recadou 1050€ no marco do proxecto “Flores para as Meninas”.

Por iniciativa da concelleira de Ensino, Cristina Fernández, este ano as 30 Meninas realizadas polos centros educativos e colectivos sociais de Ponteareas e de toda a área metropolitana recibiron o patrocinio de particulares, empresarios, asociacións culturais e colectivos como BANASTRA ou a FANPO que quixeron amosar o seu compromiso con esta entidade sen ánimo de lucro declarada de utilidade pública e composta por parentes e amigos de persoas con enfermidade mental, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde, que forma parte da Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES Galicia) e a Confederación Española de Agrupacións de Familiares e Enfermos mentais (FEAFES).

Avelaíña destinará os cartos recadados ao proxecto “Fisicamente activo e mentalmente saudable” que permitirá a realización de deporte e exercizo físico aos seus usuarios e usuarias para o que precisaban mercar material deportivo e de fitness como balóns, raquetas ou esterillas que grazas á implicación de todos os patrocinadores farase posible.

Ademais, poderán habilitar a sala de psicomotricidade que tamén aproveitan para outro tipo de talleres completándoa cun proxector, un calefactor, unha radio e altavoces.

A concelleira Cristina Fernández destaca a actitude solidaria e responsable de todos os patrocinadores que axudan ao financiamento dun servizo tan necesario e demandado que non oferta a seguridade social na nosa comarca e traslada o seu agradecemento a todos os sectores do ensino que fixeron posible esta acción: dirección dos centros educativos, profesorado, ANPAS, e alumnado así como aqueles establecementos comerciais e hostaleiros que acolleron ás Meninas provisionalmente antes do Corpus e que voltarán a Ponteareas a finais de agosto para as festas dos Remedios.

“O traballo de Avelaíña é indispensable xa que nesta comarca non temos ningún centro público nin privado especializado nestas enfermidades tendo que as familias dispor de moito tempo, dedicación e cartos para recibir o apoio necesario nos centros públicos en Vigo”.

Avelaíña agradece ao concello de Ponteareas a súa axuda e apoio e lembra á veciñanza que o precise que atenden ao público no centro social da rúa Oriente con cita previa en horario de 09:00 a 14:00 horas os luns, mércores e venres. Tódolos interesados en pedir cita poden contactar coa psicóloga Clara Suárez no teléfono 602 21 47 27.

O ano pasado grazas a esta iniciativa solidaria recadáronse 1.275€ para a asociación sen ánimo de lucro Dar Máis para a construción dun pozo de auga.

A misión da Asociación Avelaíña consiste en reforzar a integración das persoas con enfermidade mental nas bisbarras do Baixo Miño e Val Miñor da provincia de Pontevedra, promovendo a mellora da súa calidade de vida e a da dos seus familiares.

Entre os seus obxectivos atópanse:

  • Promover as intervencións na área da saúde mental non cubertas polas institucións existentes, buscando unha mellor relación entre a persoa con enfermidade mental e seu entorno.
  • Informar, educar e sensibilizar sobre a enfermidade mental.
  • Ofrecer apoio e solidariedade entre as familias afectadas.
  • Incentivar as iniciativas propias e as dirixidas a facilitar a reintegración psicosocial das persoas afectadas.
  • Fortalecer e impulsar a formación profesional para as persoas con enfermidade mental.