A Concellería de Parques e Xardíns culmina a renovación das zonas de xogos das Palmeiras

A actuación do departamento que dirixe Iván Puentes supuxo un investimento duns 10.000 euros e incluíu a renovación de redes, cordas e dun bambán adaptado na área dos máis pequenos
Publicado por o día 31/08/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

A Concellería de Parques e Xardíns culmina a renovación das zonas de xogos das Palmeiras

A Concellería de Parques e Xardíns, que dirixe o socialista Iván Puentes, acaba de rematar os traballos de renovación das zonas de xogos infantís das Palmeiras, unha actuación levada a cabo cun orzamento de 9.834,46 euros. Segundo explica o edil do PSOE, “trátase dunha intervención que supuxo a reparación de varios elementos de xogo, a reposición de redes e cordas e o arranxo dun bambán adaptado na área dos máis pequenos”.

Tal e como lembra Puentes, o parque das Palmeiras conta con dúas zonas de xogos (unha para nenos pequenos e outra para rapaces de máis idade) que “teñen unha elevada afluencia durante tódolos días da semana” e que, polo tanto, son obxecto dunha utilización moi intensa que obriga a mantementos periódicos. Os traballos permitiron o recambio das redes dos trepadores e do muriño de escalada, así como das cordas do xogos de ‘lianas’.

O parque infantil das Palmeiras conta con xogos combinados de diferentes tamaños, randeeiras, balancíns, resortes, tobogáns, bambáns en forma de cesto, trepadores e xogos xiratorios. Os dous recintos existentes están dotados de pavimento de goma, espazos de céspede e area, valados de madeira e metal, mesas, bancos, árbores e unha moderna iluminación.