A Consellaría de Política Social segue negándose a negociar a recuperación dos dereitos recortados en 2012

Este xoves continuaron as protestas nos centros de atención directa

Por cuarto xoves consecutivo, o persoal dos centros de atención directa (residencias de maiores, centros de menores, centros de atención a persoas con discapacidade, centros residenciais, etc.) volveuse mobilizar para esixir a recuperación dos dereitos recortados en 2012. Porén, a  “conselleira de Política Social segue negando unha saída negociada ao conflito e facendo oídos xordos ás xustas reivindicacións dos seus traballadores e das traballadoras”.

A este respecto, CIG, CCOO, CSIF e UGT lembran que o persoal dos centros dependentes da Consellería de Política Social actuaron “desde o primeiro momento coa máxima dedicación, compromiso e profesionalidade para intentar frear a afección da pandemia; pero despois de catro xoves de concentración continuados, a Fabiola García, aínda non se dignou a chamar as organizacións sindicais convocantes para preguntarlles que están a demandar”.

Un servizo público digno e eficaz, única garantía para unha atención de calidade

O que reivindica o persoal non é outra cousa que unha aposta decidida por uns servizos sociais públicos, dignos e de calidade; o incremento de prazas públicas e de xestión directa; a recuperación das compensacións por festivos e domingos traballados; a transformación de todos os contratos de fin de semana ou inferiores, a xornada completa; así como a posta en valor do traballo e o esforzo realizado durante a situación de emerxencia sanitaria.

A secretaria do sector de Autonómica da CIG-Administración, Zeltia Burgos, subliña que a “única forma de que haxa unha garantía de calidade para a atención das persoas maiores, das persoas dependentes, menores e con discapacidade é un servizo público digno, eficaz e de calidade”.

Por iso, engadiu, non se entende como a Xunta mantén recortados os dereitos do persoal empregado público dende o ano 2012, cando, baixo a escusa da crise económica, suspendeu a aplicación de varios artigo do V Convenio Único para poder obrigar ao persoal a traballar tres fins de semana consecutivos ou que non teñan dous días de descanso á semana.

Aínda hai persoal de Política Social trasladado a centros privados

Xunto a isto, Burgos criticou que, malia a présa que se deu o Goberno de Feixoo para que Galiza fora a primeira autonomía en saír do estado de alarma, Política Social continúa tendo persoal trasladado para traballar nas residencias privadas,  cuestionando o custe que isto ten para o conxunto das arcas públicas e para o propio persoal “que se atopa cunhas condicións moi precarias, achegando o seu esforzo para beneficio das residencias de fundacións relixiosas, de multinacionais e de fondos voitre”.

As protesta continuarán

Ante a falta de interlocución, a representación sindical mantén o calendario de mobilizacións e accións de protesta para defender as xustas reivindicacións laborais do persoal, “pois resulta inaceptábel que sigan cos dereitos recortados e discriminados fronte a outros colectivos aos que se lle compensan os domingos e festivos traballados, ou mesmo teñen redución da xornada máxima anual por traballar de noite”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM