A conselleira Carmen Pomar visitou esta mañá o CEIP Pena de Francia no Concello de Mos

No CEIP Pena de Francia acometeuse unha rehabilitación integral do centro que supón un aforro enerxético do 23,5%
Publicado por o día 16/01/2019 na sección de Galicia,Mos

A conselleira Carmen Pomar visitou esta mañá o CEIP Pena de Francia no Concello de Mos

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de acometer importantes melloras en infraestruturas educativas do concello de Mos.

A conselleira Carmen Pomar supervisou esta mañá o resultado da ampliación do CEIP Pena de Francia, nunha visita na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, do xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, do tenente alcalde mosense, Alberto Méndez, do concelleiro de Educación, Camilo Augusto, e do edil de Promoción Económica, Emprego e Novas Tecnoloxías, Óscar Soto.

CEIP Pena de Francia
A conselleira desprazouse a Mos para comprobar in situ as obras levadas a cabo no CEIP Pena de Francia, onde a Consellería acometeu unha rehabilitación integral –enerxética e funcional- que supuxo un investimento de case 377.00 euros e que repercute directamente nunha mellor confortabilidade dos seus usuarios.

Así, procedeuse ao illamento da fachada exterior, substituíronse as ventás por carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre vidro, e cambiáronse as luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética, medidas que combinadas todas elas supoñen un aforro enerxético anual en torno ao 23,5%. Así mesmo substituíronse os falsos teitos por outros con paneis acústicos, pintáronse e reparáronse os paramentos interiores.

Dentro do apartado de obras de rehabilitación enerxética e funcional, ademais de no CEIP Pena de Francia, na provincia de Pontevedra acometéronse obras deste tipo no CPI Alfonso VII (Caldas de Reis), no CPI Santa Lucía (Moraña). E durante este ano vaise actuar no CEIP Tenorio (Cerdedo-Cotobade) e no CPI Arealonga (Vilagarcía de Arousa), ambas as dúas obras xa licitadas.

En xeral en toda Galicia, desde que se puxo en marcha esta acción, a Consellería leva investidos máis de 13 millóns de euros en obras de rehabilitación enerxética e integral de 29 centros escolares (todos eles foron construídos hai décadas) ao longo de tres anos.