A Consellería de Educación concede o Selo Biblioteca Escolar Solidaria a 9 centros e renova o de outros 2

O obxectivo é recoñecer a bibliotecas que traballan de forma salientable a compensación de desigualdades e fomentan o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar
Por o 21/08/2019 | Sección: Educación
A Consellería de Educación concede o Selo Biblioteca Escolar Solidaria a 9 centros e renova o de outros 2
Compartir en:

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de conceder a 9 centros educativos o Selo Biblioteca Escolar Solidaria, ademais de renovarllo a outros 2 centros que o solicitaron. Trátase dun recoñecemento incluído no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, no que se inclúen diferentes iniciativas destinadas a promover o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre alumnado e familias, así como recoñecer os esforzos das comunidade educativas por conformar bibliotecas inclusivas que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento. O programa desenvólvese en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Os 9 centros que acadan o selo nesta convocatoria do curso 2018/19 son o CEIP Plurilingüe San Marcos (Abegondo), o CEIP Plurilingüe Graxal (Cambre), o CEIP Raquel Camacho (A Coruña), o IES Sofía Casanova (Ferrol), o CEIP San Ramón (Moeche), o CEIP da Pobra do Brollón (A Pobra do Brollón), o IES Xermán Ancochea Quevedo (A Pobra de Trives), o CEIP Pedro Antonio Cerviño (Campo Lameiro) e o IES María Soliño (Cangas do Morrazo).

Ademais, tal e como solicitaron, renovan o selo o CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero) e o CRA Mestra Clara Torres (Tui).

O Selo Biblioteca Escolar Solidaria é un recoñecemento ao traballo das comunidades educativas a prol dunha biblioteca escolar atenta ás necesidades de todos os seus integrantes en materia de lectura e de acceso ao coñecemento e que propician especificamente valores de xustiza e de solidariedade; que procuran a compensación de desigualdades con fórmulas de aproveitamento dos recursos a través de medidas específicas, de carácter estrutural e sistemático; e que contan con alumnado voluntario e, tamén, con familias colaboradoras da biblioteca, en labores de xestión e dinamización.

Cada centro recibirá un diploma acreditativo ademais dunha asignación de 1.500 euros que deberá ser destinada a actividades da biblioteca escolar no ámbito da atención á diversidade que faciliten avances na configuración dunha biblioteca inclusiva.

Comentar noticia

Your email address will not be published.