A Consellería de Educación convoca a primeira edición do premio ás boas prácticas de educación inclusiva

O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o 29 de maio
Publicado por o día 05/05/2019 na sección de Educación

A Consellería de Educación convoca a primeira edición do premio ás boas prácticas de educación inclusiva

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de convocar a primeira edición do Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva. O galardón vai dirixido aos centros docentes sostidos con fondos públicos e está dotado dunha contía total de 18.000 euros. Este galardón nace como unha medida para impulsar a atención á diversidade e a inclusión educativa, difundir as boas prácticas de inclusión educativa que se realizan nos centros docentes así como o recoñecer o labor que, neste sentido, está a desenvolverse actualmente nos centros educativos.

Establécense dúas categorías, unha delas destinada a centros de educación infantil e primaria e a outra a ESO, bacharelato e FP básica. Cada una das categorías contará con 1º, 2º e 3º premio (de 5.000, 2.500 e 1.000 euros, respectivamente) e cun accésit de 500 euros.

Cada centro docente poderá presentar unha soa solicitude, na que se recollerán nunha memoria descritiva o conxunto de boas prácticas de inclusión realizadas. Nesta deberase describir tanto os niveis, áreas, materias e módulos nas que se desenvolveron estas accións como o profesorado implicado, os obxectivos, os contidos, as metodoloxías activas empregadas, o procedemento de avaliación e a implicación da comunidade educativa e da contorna do centro, entre outros detalles. A documentación enviarase ao enderezo electrónico inclusioneducativa@edu.xunta.gal. O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o 29 de maio de 2019.

As iniciativas premiadas poderán ser difundidas pola Consellería como boas prácticas de inclusión educativa, co fin de promover unha escola que compense as desigualdades, na que se axusten as intervencións educativas e o currículo á diversidade do alumnado e, en definitiva, unha educación que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa á creación de contornos e culturas inclusivas.